Amazon.es xa está entre nós… aínda que non moi galega

Canto tempo levaban todos os fanboys/fangirls de Amazon suplicando para que chegase o portal de comercio electrónico a España? Moito, tanto que na rolda de prensa de presentación da versión española do site o propio vicepresidente para Europa da compañía, Greg Greeley, agradeceulles a todos aqueles que lles mandaran cartas, mails e todo tipo de mensaxes a súa preocupación pola entrada da empresa en España. Agora xa están aquí, coa Amazon.es completamente operativa. Pero iso non quita que a pesar do entusiasmo xeral xurdan algunhas críticas.

O primeiro son os prezos dos libros. O prezo é algo que en Reino Unido, por exemplo, fai de Amazon un destino inmellorable para mercar. En Amazon.es a diferencia non é moi abrumadora fronte ás opcións de compra que os consumidores xa tiñan, aínda que nisto a compañía non ten moita culpa. Lembremos que en España os prezos dos libros non poden tirarse.

O segundo, e neste caso é algo máis pequeno xeograficamente falando, é o pouco volume de libros en galego. Amazon chega cunha sección especializada para os libros en galego, en vasco e en catalán. No caso galego, son moitos menos que, por exemplo, en catalán (e non é unha simetría realista coa produción que se vende offline) e son ademais moi pouco variados. Parece que Amazon só contou coas grandes editoras. As pequenas e as medianas, nas que moitas veces aparecen os títulos máis destacables da tempada, quedaron fóra da quiniela de vendas. “Con nós nin sequera contactaron, pero creo que non paga a pena nin sequera para editoriais máis grandes”, explícannos dende Rinoceronte.

As condicións que Amazon lles impón a estas editoras son demasiado draconianas, segundo o ruxe ruxe da industria editorial. Xerais e Galaxia si están entre as firmas que venden aínda que segundo o Faro de Vigo non asinaron aínda ningún contrato. No caso de Xerais, o seu director, Manuel Bragado, confírmanos por correo electrónico que eles non teñen ningún contrato asinado. “Os datos dos libros que aparecen en Amazon.es son os metadatos extraidos de DILVE, imaxes incluídas”, explícanos por mail. No seu blog explica moi claramente como Amazon.es chegou ou puido chegar a incluir este fondo sen acordo coas editoras. Moi poucas, di, aceptaron as condicións impostas pola compañía americana.

Bragado é moi crítico falando con Faro de Vigo e deixa claro que o modelo de distribución de Amazon lle parece “disparatado”. “Non podemos enviar un libro de Vigo a París e logo que vaia de París a Nigrán”, apunta en declaracións a este xornal. “Isto crea perplexidade”. Greeley deixou hoxe claro, na presentación ante os medios, que Amazon non ten un almacén en España. Aínda que iso non ten porque ser un problema: Amazon leva moitos anos funcionando e moi ben cos seus almacéns diseminados por toda Europa.

Dinamitará Amazon.es por tanto a distribución do libro galego? Difícil semella. Toupa.net poderá continuar a ser o pequeno Amazon galego e as librerías non perderán moita afluencia de público pola competencia feroz do site con pel de cordeiro.

Os outros baleiros en galego

Amazon.es aínda non vende libros electrónicos e aínda que Greeley recordoulles aos medios que os usuarios poden acceder ao catálogo de Amazon.com en formato Kindle, iso non solucionaría nada para aqueles que queiran ler en galego.

O portal tampouco será traducido. Greeley explicaba ante os medios de comunicación que prefiren centrarse en ampliar o catálogo antes que lanzarse á tradución das súas páxinas.

Foto | MikeBlogs

*Actualizamos este artigo o 16 de setembro de 2011, ás 17.33

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *