Danubio en bicicleta: Disquerreto conseguido!

Non avisaron, non había ningún cartel anunciando o novo país, pero ao lonxe xa se albiscaba o castelo de Bratislava. Unhas pedaladas nos separaban do noso Disquerreto. Baixo unha calor abafante percorremos os últimos quilómetros e aí estabamos, ás portas de Europa do Leste, poñendo punto final ao noso proxecto: acompañar ao Danubio en bicicleta desde o sur de Alemaña ata a capital de Eslovaquia. Reto conseguido!

O camiño de Viena a Bratislava parecía sinxelo, algo máis de 60 quilómetros polos habituais territorios chans do Donauradweg. O noso corpo, tralos excesos vieneses, despois de tanto café, Sacher Torte e Schnitzel de descomunal tamaño, protestou un tanto ao principio, pero enseguida se habituou. Saímos da capital de Austria non sen algúns problemas, xa que este último traxecto xa non aparecía na nosa guía, polo que iamos a cegas, sen tan sequera a axuda dun mapa.

Un descanso nun día de calor

Chegamos á noria do Prater e tiramos cara á Donauinsel, onde xubilados rendían tributo á filosofía do Frei Körper Kultur (FKK), tendidos ao desapiadado sol como Deus os trouxo ao mundo. Un pouco máis alá xa nos atopabamos nunha recta interminable nun parque natural. Resultou bastante duro pedalear a pleno sol cunha temperatura que superaba os 30 graos, tanto que apertamos o ritmo para intentar producir algo de brisa. Menos mal que sempre hai algún biergarten no camiño para afogar a sede.

Hainburg an der Donau e o seu castelo marcaron a fronteira de Austria, e pouco tempo despois xa estabamos atravesando a Ponte Nova (Novy Most) de Bratislava, co seu estraño mirador-restaurante en forma de ovni, e entrando na acolledora zona vella da cidade.

Xa temos as nosas bicis empaquetadas e estamos listos para volver, pero como agora somos uns entusiastas do cicloturismo, non queremos despedirnos sen deixarche algúns consellos de utilidade no caso de que sentiras moita envexa seguindo este Disquerreto e esteas desexando facer a ruta do Danubio.

Últimos kilómetros do Danauradweg en Austria

Etapas

Como orientación, así organizamos o noso percorrido en etapas. Na elección do número de quilómetros a percorrer e das vilas onde durmir tivo moito que ver a ubicación dos campings, onde nos aloxamos a maioría dos días. Algunhas veces tamén fixemos poucos quilómetros para poder dedicar algo de tempo a visitar puntos de interese.

3 agosto: Memmingen – Ulm  71 km (Voamos a Memmingen cunha compañía de baixo custo, e de aí pedaleamos ata Ulm, onde conectamos coa ruta do Danubio)

4 agosto: Visita Ulm

5 agosto: Ulm – Dillingen an der Donau  58 km

6 agosto: Dillingen – Neuburg an der Donau  73 km

7 agosto: Neuburg – Bad Gögging 62 km

8 agosto: Bad Gögging – Regensburg 62 km

9 agosto: Visita Regensburg e viaxe a Straubing 50 km

10 agosto: Straubing – Hofkirche 67 km

11 agosto: Hofkirche – Passau (visita) 32 km

12 agosto: Passau – Ottensheim 80 km

13 agosto: Ottensheim – Linz (visita) 13 km

14 agosto: Linz – Greim (con visita a Mauthausen) 68 km

15 agosto: Greim – Dürnstein (Zona Wachau) 77 km

16 agosto: Dürnstein – Viena 90 km

22 agosto: Viena – Bratislava 66 km

En total percorremos 869 quilómetros, algo máis dos 700 previstos, cunha media de 62 quilómetros diarios. E como xa rematamos a nosa andaina, estamos no momento de facer balance dos nosos erros e acertos.

En que fallamos?

– Hai que investir nunha boa sela, son moitas horas enriba da bici polo que hai que ir o máis cómodo posible.

– Se vas de camping, leva unha almofada desas inflables. Tres semanas durmindo sobre un saco recheo de roupa non é nada recomendable…

– O tempo é moi variable, e en agosto as posibilidades de chuvias e treboadas son moi elevadas polo que convén levar alforxas estancas. As que máis se ven polo camiño son as de Ortlieb.

– Por cuestión de peso decidimos non levar o camping gas, algo que finalmente lamentamos, xa que teriamos aforrado bastantes cartos en comida.

– Imprescindible levar roupa axeitada para andar en bicicleta, en concreto culotte (aínda que non che guste!).

– Outra cousa que non debes esquecer é a crema solar. Ao principio da viaxe non o parecía, pero pode facer moita, moita calor, e ao estar permanentemente ao sol é imprescindible botar protección. Non te deixes enganar polas nubes.

En que acertamos?

As bolsas de guiador que se converten en bolsos para levar colgados do ombro son moi cómodas. As nosas eran de Ortlieb, pero hainas de varias marcas. É importante que non deixen pasar auga, xa que aí levamos os nosos documentos importantes e cartos. Moi recomendable o accesorio para levar o mapa, que nós non tiñamos e decidimos mercar á metade da viaxe.

– Facerse coas guías bikeline de Esterbauer (en inglés), para ter toda a información sobre as rutas, aloxamento, puntos de interese, etc.

– Levar tenda de campaña, xa que resulta moito máis económico durmir en campings (o prezo oscilou entre os 10 e os 17 euros, dúas persoas e unha tenda). Tamén durmimos algúns días en hostais, sobre todo para facer a colada e secar as nosas cousas despois dun día de chuvia. De todos modos, durante a ruta atoparás moitas habitacións (Zimmer) a prezos moi razoables.

Deixar algo de tempo para ver puntos de interese. É unha pena pedalear sen deterse de cando en vez a contemplar unha paisaxe, percorrer unha pequena vila, ou coñecer cidades de grande interese como Regensburg, Passau, Linz e Viena.

– Para xente principiante, unha media de 60 km ao día está ben (menos de 50 é moi pouco, xa que normalmente nas vilas e campings tampouco hai moito que facer, e máis de 90 deixa o corpo bastante mal).

– Levar xusto o necesario. É clave non levar as alforxas moi cargadas, xa que as teremos que levar con nós todo o tempo.

– Nós optamos por levar as nosas propias bicicletas, o que resultou moito máis cómodo, ao estar acostumados a elas. Iso si, se non tes moita idea, coma nós, é recomendable que chas preparen para transporte por avión nalgunha tenda de bicis. Se vas sen bicicleta e pretendes facer unha viaxe longa, recomendámosche mercar unha en Alemaña, xa que as hai moi baratas de segunda man, polo que ao final resultará máis económico que alugala.

Sobre todo, recomendamos gozar das paisaxes, do exercicio, das comidas, do sol, da chuvia (con filosofía…),da compañía, da viaxe! Nós xa estamos pensando no noso próximo Disquerreto. Algunha idea?

Fotos | Andrés Fraga

*Podedes ler aquí como empezou e se desenvolveu o reto Disquecool 

Shares

5 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *