They Shoot Music: pop e cámaras nas rúas de Viena

O equipo completo de They Shoot Music: Michael, Mathias, Manuel, Simon e Sara.

O equipo completo de They Shoot Music: Michael, Mathias, Manuel, Simon e Sarah.

Estamos nun piso na rúa Paulanergasse, no distrito 5 de Viena, e o timbre da porta non para de soar. Nós chegamos hai xa un rato, acompañados de Michael e Sarah, que agora falan cos integrantes da banda austríaca The Who The What The Yeah nun dos salóns da casa. No chan esperan unha batería, unha guitarra, un acordeón e un contrabaixo, e moitos dos recén chegados empezan a sacar cámaras das súas bolsas. Nun rato a banda collerá os instrumentos e tocará tres ou catro cancións mentres son filmados: estamos nunha das Open House Sessions de They Shoot Music.

“Viena ten esa imaxe de cidade de arquitectura, de alta cultura, teatros…”, comentaba un rato antes Michael Luger no café-cine Schikaneder, “pero non é coñecida pola súa cultura nova”. E de aí e das comparacións sempre odiosas coa cidade cool por excelencia Berlín, naceu a idea de They Shoot Music, co pequeno obxectivo de “contribuír dalgunha maneira a facer que Viena sexa un pouco máis atractiva para a xente nova”.

They Shoot Music, Don’t They? é a versión austríaca dos Take Away Shows que desde 2006 leva a cabo La Blogotheque en París, un “video-xeo-blog” no que a imaxe e a música son tan importantes coma as localizacións nas que teñen lugar os mini-concertos. “Ás veces temos xa ideas e llelas propoñemos aos músicos”, conta Sarah Brugner, aínda que admite que moitas outras veces a elección dos lugares é “puramente pragmática”, xa que os artistas non sempre teñen tempo.

Open House Session de They Shoot MusicOutras veces, en cambio, os lugares son simplemente especiais, como cando o americano Shooting Spires visitou Viena. “Contounos que a súa avoa era de Viena pero que marchara aos Estados Unidos, así que quería visitar a casa na que nacera a avoa e facer alí o vídeo“, lembra Sarah, que conta que unha das cousas máis interesantes das sesións é ver como reaccionan os artistas. “Hai algúns que son moi tímidos, que non queren tocar “diante de xente”, din que no escenario é distinto, pero que na rúa poderían pensar que están tolos…”.

The Who The What The Yeah empezan a tocar ante un público dunhas 15 persoas formado por amigos e coñecidos, mentres o equipo de They Shoot Music vai filmando de forma aparentemente caótica a actuación. Hoxe contan cun par de amigos con cámara que tamén están a botar unha man na gravación. Estes vídeos serán algo diferentes: antes de ser publicados na web, serán retransmitidos na televisión austríaca.

Porque o certo é que, se ben They Shoot Music empezou hai xa tres anos, pouco despois dos Take Away Shows franceses, os seus integrantes non empezaron a ver froitos a nivel pragmático ata hai ben pouco. Agora, non obstante, aínda que o proxecto aínda non lles proporciona un soldo (“estamos traballando niso”, bromea Michael), si que están a ver como grazas á web lles están a saír outros traballos relacionados. “Ao sermos cada vez máis coñecidos en Austria, xa nos chaman para gravar festivais e cousas así”, contan.

Que cambiou desde a primeira sesión, gravada en 2007 con Ken Stringfellow como protagonista? Sarah di que si, que ten habido unha evolución, pero que “os principais ingredientes xa estaban nesa primeira sesión”. Ao ter máis experiencia, a calidade dos vídeos e do son é claramente superior, e ademais é máis doado contactar cos artistas ao poder ensinarlles todo o que xa levan feito, pero mantéñense fieis á base. “Fagamos o que fagamos, o formato pode ser diferente, pero hai sempre este sentimento de estar aí”, explica Michael. O obxectivo non é que a cámara sexa un actor, senón que “debería desaparecer e deixarte aí”, a soas co artista.

Existe ademais xa toda unha comunidade de blogs e videoblogs de música coa que os rapaces de They Shoot Music manteñen unha estreita relación. De feito, hai pouco estiveron en Escocia para filmar outra serie das Open House Sessions (sesiones en casas de artistas), e durmiron na casa doutro blogger, Song by Toad. Ademais agora están a intensificar eses contactos por un novo proxecto que teñen en mente, construír “unha especie de plataforma na que invitamos a varios videoblogs de música a presentar os seus vídeos”, di Sarah. “Hai tantas cousas en Internet, tantos videoblogs que é imposible coñecelos todos, esta será unha forma de telos a todos nun mesmo sitio e de compartilos”.

They Shoot MusicDe compartir, ademais, saben moito: a súa fantástica páxina en Facebook baséase niso, e todos os días publican algunha fotografía que dalguna forma axuda a contar a historia da música pop. Con case 6.500 fans, a cousa parece ter éxito, aínda que confesan que non seguen ningunha estratexia e que foi máis algo “improvisado”. “En Internet sempre atopas fotos moi interesantes”, di Sarah, “así que as empezamos a publicar” e de seguido tiveron éxito. Ademais, son normalmente “fotos behind the scenes“, nas que tes “outra perspectiva dos músicos”, polo que á xente sempre lle interesa.

Para o futuro, Sarah cre que o ideal sería non só seguir, senón ir involucrándose en distintos proxectos: as Open House Sessions, a plataforma… Ela ademais quere facer “algo como unha película ou un documental baseado no mesmo concepto”. E seguir a manter sempre ese espírito de espontaneidade que caracteriza as sesións de They Shoot Music.

Cando lles preguntas con quen quererían de verdade filmar unha sesión, Michael confesa que aínda ten a espiniña cravada de cando o pasado mes de abril Belle and Sebastian visitaron Viena por primeira vez. Contactáronos, “pero ao final non saíu”, explica triste. “Tamén estaría ben gravar a Pulp”, di (cremos que pola confesión previa da disquerredactora capaz de sacar a o tema Pulp en calquera momento).

The Who The What The Yeah para de tocar e o reducido público aplaude. Tras uns últimos planos, as cámaras vanse apagando e comeza a pequena festa na casa dos artistas. Michael, Sarah e o resto do equipo (Simon Brugner, Matthias Leihs e Manuel Hochegger) comentan como lles quedou e dan as grazas aos cámaras espontáneos. O traballo de edición comezará ao día seguinte, aínda que esta vez non poderán publicar o vídeo ata outubro, despois de que saia na tele. Non pasa nada, as sesións non son o que lles falta. “A xente pregunta se non se nos acaban os artistas, pero o certo é que non”, di Sarah. “Sempre hai algo novo e emocionante que queremos filmar, sempre hai bandas interesantes”.

Unha cousa queda clara: Viena é un lugar moito máis cool grazas ás actividades destes rapaces. Desexámoslles todo o éxito do mundo. A ti ordenámosche facerte fan en Facebook. Non te arrepentirás.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *