A conclusión do Sziget: un paraíso multitarea

I'm happy no Sziget 2011É necesario seguir falando do Sziget a estas alturas, e cando xa está publicada a nosa opinión sobre os grupos que vimos? Si, é moi necesario para deixar claro que o Sziget non é un festival máis. O especial do Sziget non é que sexa nunha illa no Danubio, nin que os concertos duren unha semana. Nin sequera o feito de xuntar mil estilos musicais. Non. O especial do Sziget é que un podería ir, non ver ningún concerto, e aínda así non estar sen facer nada en ningún momento (e quedar con moito sen facer).

A razón? A illa é moi grande e os moitos escenarios con música son só unha das cousas que ofrece o festival: ademais hai postos con distintas actividades, zonas temáticas (a húngara, a de cultura…), unha especie de escaparate de comidas do mundo, obradoiros de todo tipo e espectáculos de teatro e danza.

As nosas zonas preferidas foron a chamada “Vila húngara” (a carón da “Feira de Europa do leste”), centrada na degustación de viños do país, pero que tamén contaba con outras actividades de éxito como un pequeno escenario no que pola noite soaban violíns zíngaros e a xente bailaba, ou o espazo no que cinco incansables rapazas facían trenzas do máis sofisticado e variado (sempre ao estilo tradicional húngaro, iso si), a calquera co pelo un pouco longo que llelo pedise. E si, era gratis.

Trenzas na vila húngara do Sziget 2011

A “Feira de Europa do leste” tampouco tiña desperdicio: de pronto entrabas nun espazo especialmente decorado con obxectos e motivos comunistas, podías ler revistas dos anos 70 da zona ocupada pola URSS ou incluso sentarte nun sofá do máis kitsch (e cheo de po) e ver a tele. Por suposto, as series dos anos 60, 70 e 80 que se veían na zona soviética. E non, cambiar de canle non era posible porque só había un.

Obradoiro de estampado no Sziget 2011O Sziget é ademais o espazo ideal para todo o que queira aprender a facer algo: queres facer bolsos? estampar camisetas? aprender danzas africanas? facer un comic? aprender húngaro? Para todo iso e moito máis había un obradoiro. Por suposto, os de danzas e os de estampado eran os máis frecuentados, pero era tamén bastante sorprendente a cantidade de xente que decidía pasar un rato da súa estancia no festival aprendendo unhas palabras no indescifrable idioma húngaro.

Os amantes do arte tamén podían estar na súa salsa. Que non tes tempo (nin ganas) de saír todos os días da illa e visitar os numerosos museos que ten Budapest? Non te preocupes! Todos eles teñen a súa pequena representación no Sziget, con información e ata exposicións na zona do Museums Quartier (o barrio dos museos). Ademais, como sempre se trata de crear, os museos ofrecían tamén materiais para que calquera que se sentise inspirado ao facer a visita puidese crear tamén a súa pequena obra de arte. E expoñela.

Obras creadas polos asistentes ao Sziget 2011

Obras creadas polos asistentes ao Sziget 2011

O segredo para disfrutar do Sziget é explorar e deixarse sorprender, e saber que se non che gusta ningún dos grupos que está a tocar nun momento (difícil, porque a elección é moi ampla!), ou simplemente estás farto de tanta música, cun simple paseo descubrirás outras mil cousas que facer. Un exemplo: mentres a multitude se xuntaba para ver a The Prodigy, esta disquerredactora de oídos sensibles decidiu camiñar en dirección oposta. Que descubrín? Un espectáculo de teatro e fogo (do mellor que teño visto) levado a cabo por unha compañía alemana, PAN.OPTIKUM. Ao rematar, de camiño ao barco, tiven que parar nun pequeno escenario que descubrín: era o “Blues Pub” e a xente estaba a bailar rock’n’roll.

É imposible contar todo o que é o Sziget. O único que se me ocorre e recomendalo encarecidamente: o verán que vén tes unha cita en Budapest. Non esperes un festival de música como calquera dos que coñeces. E non temas desorganización. Resulta que é posible meter a 77.000 persoas cada día nunha illa (a audiencia total, din, foi de 385.000 almas) e que todo funcione. E nin sequera sentirse agobiado.

Eu xa son fan do Sziget para sempre. O Woodstock de Europa do leste, como o chaman, ten moito que ensinar ao resto dos festivais de música. E de tantas outras cousas.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *