Sziget festival: a illa cos poderes de Lost (días III, IV e V)

Aínda en plena fase de recuperación do festival (cinco días totalmente cheos de música e actividades acaban con calqueira), continuamos co repaso dos grupos que máis nos gustaron nos últimos tres días. Novos talentos e vellos coñecidos, do pop máis clásico á música xitana:

– British Sea Power. Sabes o que é o amor a primeira vista? A min foi exactamente iso o que me pasou cando British Sea Power saíron ao escenario. Sabendo que o seu último disco, ‘Valhalla Dancehall’, é fantástico, tiña bastantes ganas de velos, pero por algunha razón imaxinaba que serían diferentes. O que saíu ao escenario foi un grupo totalmente distinto á miña imaxe mental deles, e moito máis próximo a todos eses músicos que xa teñen un lugar no meu corazón. Na hora que durou o seu concerto, gañáronse o seu propio posto e namoraron a todos os presentes: felicidade, enerxía, e un final apoteósico co guitarrista da banda (Noble) saltando ao foxo (había unhas bonitas escaleiras que ignorou), mentres os irmáns Yan e Hamilton (Scott e Neil Wilkinson) lanzaban as guitarras polo aire e mesmo facían o pino.

British Sea Power no Sziget 2011

British Sea Power no Sziget 2011. Foto | Disquecool

– Skunk Anansie. O de Skunk Anansie, claro, son palabras maiores. Embutida no seu tradicional traxe de coiro ao máis puro estilo Catwoman, e cunhas plumas arredor do pescozo, deu un dos concertos máis salvaxes que posiblemente se teñan visto a esas horas da tarde (ás 6). Repasou todos os seus grandes hits e rematou facendo crowdsurfing ante (sobre?) unha audiencia entregada que loitaba por coller algunha das plumas como souvenir.

– Peter, Bjorn & John. Aos suecos tocoulles actuar nunha das carpas, o que axudou, en primeiro lugar, a esquecer que aínda había luz no exterior, e en segundo lugar a facer que o público saltase moito máis alto. Por que? O chan da carpa parecía deseñado precisamente para iso: unha especie de goma cuxo obxectivo principal posiblemente fose outro, servía coma resorte para os chimpos do público. O concerto de Peter, Bjorn & John serviu principalmente para unha cousa: demostrar que o grupo é moito máis ca Young Folks, e que que teñen un dos directos máis divertidos e enerxéticos do panorama do indie. Altamente recomendables. Iso si: prepárate para suar e rematar exhausto.

– Hindi Zahra. Esta francesa con raíces marroquís é un dos secretos mellor gardados do país galo: o público do seu concerto debía de estar formado nun 80% por franceses que sabían que tiñan ante eles a unha das mellores voces do jazz da actualidade. E o certo é que a combinación do seu enorme talento cunha banda impecable fixeron do seu concerto posiblemente un dos mellores de todo o festival. Unha mágoa que non lle tocase no escenario principal e só os que xa a coñecían ou os que decidiron entrar na carpa na que tocou no momento axeitado puidesen desfrutar co seu recital.

– Kate Nash. Kate Nash non se podía imaxinar antes de saír ao escenario no Sziget que o seu concerto ía ser tan especial e lembrado por algo distinto á música. Porque si, as cancións foron impecables, cos seus cambios do pop máis doce ao punk máis desgarrado (como grita!), pero o protagonista real foi o rapaz das primeiras filas que escribiu no peito “Marry me” e acabou sendo invitado a subir ao escenario (coa presión dun público entregado á causa, e mesmo dous espontáneos que rapidamente escribiron nos seus peitos “Marry him”) e a presenciar unha das cancións, Foundation, sentado a carón de Kate. Mentras tanto, nin ela nin as súas acompañantes podían deixar de rir. (Hai xa vídeo en YouTube, non ten desperdicio).

– Kaiser Chiefs. Debo confesar aquí que o meu plan non era ver aos Kaiser Chiefs, un deses grupos que teño metido na categoría “post-Strokes” na miña mente e que non son quen de diferenciar de moitos outros. Ao final, non obstante, decidín velos e o certo é que me sorprenderon gratamente: desde a súa estética claramente mod, ata as carreiras que botou Ricky Wilson dun lado ao outro do escenario (e o escenario era xigantesco!), pasando polo feito de que sen sabelo coñecía case todas as cancións do seu repertorio; agora xa teño moi claro quen son na miña mente. E xa non están apilados na saca post-Strokes, senón que teñen un lugar moito mellor.

– Goran Bregovic Wedding and Funeral Band. Despois de Kaiser Chiefs había que marchar correndo ao escenario de World Music, no que xa non cabía ninguén máis. A razón era ben sinxela: Goran Bregovic estaba a piques de dar o seu concerto. O serbio non defraudou, pero quizais o máis destacable do evento non foi a actuación en si, senón a alegría que se respiraba entre a multitude, que non deixou de bailar nas case dúas horas que Bregovic e a súa banda pasaron sobre o escenario. O máis coreado, como non, foi Bella Ciao (aínda que resultou ser coñecida sobre todo por italianos, españois e franceses, pero non tanto por alemáns, ingleses e outras nacionalidades).

Gogol Bordello

Gogol Bordello. Foto | Sziget

– Gogol Bordello. Os reis da música xitana (con permiso, supoño, dos Gipsy Kings) chegaron o último día do festival facendo un despregue de enerxía, bailes, carreiras sobre o escenario e ritmos hiperactivos que puxeron a proba o aguante dun público que acumulaba na maior parte dos casos xa unha semana de festival. Veredicto? A illa Obuda, na que se celebra o festival, ten que ter poderes similares á illa de Lost: se xa no día 1 do festival Jarvis Cocker admiraba o fresco que parecía o público que xa levaba dous días de camping e concertos (hai día 0 e día -1), no día 5 todo o mundo bailaba como se fose o primeiro día. Claro que con Gogol Bordello no escenario o difícil é non moverse.

The National no Sziget 2011

The National. Foto | disquecool

– The National. O de pasar de Gogol Bordello a The National parecía un experimento psicolóxico para poñer a proba a fortaleza mental dos asistentes ao Sziget. Pero como xa sabemos dos poderes paranormais da illa, a ninguén lle pareceu raro e a banda foi acollida cunha mestura de alegría e expectación. The National corresponderon cun espectáculo fantástico: un Matt Berninger algo tambaleante que non deixaba de beber viño (da copa ou directamente da botella), que non tiña claro en que país estaba (aínda que si sabía que era Europa), pero que cantou todo sen desafinar e ata baixou do escenario en Terrible Love para deixarse abrazar e case secuestrar por un público totalmente entregado. Os xemelgos (e xenios) Aaron e Bryce Dessner sorrían para si ante o espectáculo montado por Berninger e deixaban bastante claro que eles si sabían onde estaban e que o festival estaba a gustarlles moito. Caeu case todo ‘High Violet’, pero tamén clásicos dos discos anteriores. E Fake Empire, claro.

– Manic Street Preachers. Os galeses tocaban á mesma hora que Marina & The Diamonds, pero o espírito adolescente venceu e decidín quedar no escenario grande para ver como lles sentaran os últimos dez anos. A conclusión foi que ben, moi ben. A enerxía, os himnos, e un público sorprendentemente coñecedor de toda a discografía dos Manic fixeron do seu concerto unha especie de revival dos momentos máis épicos e emocionantes do britpop. E o feito de que Nicky Wire tan só se dirixise ao público nunha ocasión e fose para adicar un tema a “poor old Richey” (Richey James, un do clube dos 27 alternativo), e que a súa voz aínda trema tantos anos despois ao recordar ao seu amigo, deixou clara unha cousa: os Manic Street Preachers teñen que ser tan boas persoas como bos músicos.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *