The Hour: televisión, xornalistas de caste e glamour nos Fifties

Todos sabemos o que fixo Mad Men coas nosas vidas. Hai quen non pode ver a Don Draper, certo, pero son máis os que caeron aos seus pés. A serie que reflexa a vida nunha axencia publicitaria dos 60 empezou sendo un pequeno secreto medio intelectualillo ata converterse nunha aposta completamente mainstream, inspirando a deseñadores, perruqueiros e a medio mundo. Todos querían ser coma Draper. Todas queriamos namorarnos del.

Así que a carreira por ter o propio Mad Men tardaba moito en chegar. Alguén quixo ver a Broadwalk Empire, como un Mad Men de mafiosos, lei seca e charlestón. Pero o protagonista é demasiado feo e os espíritos das dúas series parécense como un ovo a unha castaña. Pan Am, que se estrea o próximo 25 de setembro en Estados Unidos, promete moitísimo para recoller a testemuña de Mad Men. E The Hour, en Reino Unido, é o Mad Men británico. Segundo algúns.

Non é verdade. A historia comeza no ano 56, pouco antes da crise de Suez. Bel Rowley, unha rapaza moi independente e cun futuro profesional bastante alentador, é nomeada realizadora dun programa novo de noticias, ‘The Hour’. O seu amigo do alma Freddie, un deses xornalistas de carácter que todos desexamos ser cando entramos na facultade (xa sabedes, persigue historias sen descanso e descubre temas super interesantes), é fichado para a súa desilusión para ser reporteiro. El quería ser o presentador, facer entrevistas grandiosas, pero é demasiado feo (dillo a mesma Bel, con moita sinceridade). No seu lugar poñen a un home con planta, Hector Madden, que chega claramente enchufado polos seus orixes aristocráticos, pero que coñece moi ben as súas limitacións (nada que ver con seguro e xenial Draper). A súa primeira entrevista en directo é malísima.

Esas tres personaxes son as que centran a trama, con un interesante número de secundarios facéndolles os coros. A historia non é só a dun programa de noticias que empeza – que xa sería interesante de por si- senón que ademais ten misterio por descubrir incluído. Freddie investiga unha morte que a policía fai pasar por roubo… pero que é un escuro asasinato.

O contexto histórico está coidado ata o extremo, como fan en Mad Men. Cada un dos lapis que empregan para escribir as personaxes é unha réplica exacta dos que empregaban os xornalistas da BBC nos 50 e que, claro está, xa non se fabrican. As cámaras e a tecnoloxía televisiva é real, así como os estudios que son igualmente da época. O vestiario é un dos elementos clave da serie. Moi coidado, un elemento máis para percibir as diferencias entre as personaxes.

Bel, a protagonista, é a que ten o fondo de armario máis chamativo. Ela é o carácter máis interesante: unha muller responsable do novo e importante programa de noticias da BBC? Non se lles foi a man? En realidade, non. Bel está inspirada nunha muller real, Grace Wyndham Goldie, e na trama inclúense detalles que demostran o complicado mundo que eran os 50 para as mulleres. Non pode entrar a celebrar o lanzamento do programa cos demais directivos, porque o fan nun club para homes. Cando empezan as críticas, o seu xefe pídelle que non lle faga lamentar que sexa unha muller.

Aínda que aquel era un mundo complicado, moi ao Mad Men, con homes que bebían whisky e fumaban a todas horas e pobres secretarias que acababan liadas co seu xefe case sempre, a televisión era un bo destino para unha rapaza que quixera facer unha carreira laboral, polo menos en Gran Bretaña. Todo estaba empezando e non había de entrada sexismo. Todo o mundo era igual (Sobre as mulleres profesionais daqueles anos, o artigo do Telegraph con testemuñas da época é altamente recomendable).

Ese mundo revolucionario, eses xornalistas idealistas e esa persecución do titular con carreiras con teletipos na man pola redacción (moi glamuroso si, pero que agora xa non se vive. Grazas internet!) fai que The Hour sexa, máis que Mad Men, un produto máis da colección de filmes e series sobre xornalistas, como Lúa Nova ou Boas noites e boa sorte.

The Hour é unha serie moi interesante, recomendable, que posiblemente ningunha tele queira traernos ata un pouco máis abaixo do Atlántico. (E os piratas non parecen estar tampouco moi pola labor…) Ten o selo de garantía da BBC, coas súas incribles e coidadísimas producións de época, e seguramente acabará coa temporada completa e non moi cara (como é usual) en Amazon. Poderémoslla pedir aos Reis Magos.

Foto | BBC

Shares

8 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *