Egon Schiele: sexo, morte e pintura

Espido femenino sentado. Egon Schiele, 1914

Espido femenino sentado. Egon Schiele, 1914.

Hai dúas vías polas que a xente chega ata Egon Schiele: a primeira, a máis lóxica, é a das súas pinturas; a segunda, algo máis rebuscada, é a da súa historia. E hai tamén dous efectos posibles: un, debido quizais á saturación de arte e museos coa que vivimos nestes tempos, é a indiferencia; o outro é o delicado camiño da obsesión. Quen era Egon Schiele e por que pode espertar paixóns? Vida intensa, pinturas eróticas e morte prematura a principios do século XX.

Quizais unha das razóns polas que Egon Schiele, o pintor austríaco por excelencia (con permiso do seu padriño Gustav Klimt), é tan querido por todos os que caen no lado da obsesión é o feito de que, pese a saberse moito acerca da súa vida e ter deixado non só moitos cadros, senón tamén moitos escritos, o seu carácter permanece un pequeno misterio. Era Egon Schiele un artista depresivo ou alegre? Era un egomaníaco ou simplemente alguén cunha sensibilidade exacerbada? Ofrecémosche as claves para reconstruír a Egon Schiele:

1. A época. Schiele viviu entre 1890 e 1918, unha das épocas máis turbulentas da historia non só a nivel político senón sobre todo a nivel de pensamento (o que repercute, claro está, na arte). En Viena é a época do Art Nouveau e o Jugendstil e son os anos de esplendor de Gustav Klimt. Este, de feito, de seguido tomou a Schiele como un dos seus protexidos e cedeulle a Wally, unha das súas modelos e que se convertiría no gran amor de Egon Schiele.

2. Vila vs cidade. Mentres que a capital austríaca vibraba coa modernidade e se convertía nun segundo París con cafés cheos de artistas e filósofos, as vilas do continente seguían sendo iso: vilas. Egon e Wally, non obstante, sentíanse atrapados no universo vienés e decidiron escapar a Český Krumlov. Os seus novos veciños, como era de esperar, non aprobaron o estilo de vida dos amantes, que decidiron fuxir a Neulengbach, a uns 35 km de Viena. Un erro se cadra maior: Schiele foi acusado de seducir a unha menor e pasou 24 días na cadea. No xuízo os cargos por seducción foron retirados, pero a obra do pintor foi calificada de pornográfica e un dos seus debuxos foi queimado ante o xurado. Schiele non o esquecería.

3. Amor. Corren moitas lendas acerca da vida amorosa e sexual de Schiele e non está moi claro se realmente chegou a ter relacións coas súas modelos (moitas menores de idade). O que si se sabe é que na súa vida houbo dúas mulleres importantes: a primeira foi Wally, coa que viviu unha truculenta relación de varios anos. A segunda foi Edith, con quen casou, en principio, para lograr unha maior aceptación social. Parece ser que o plan de Schiele era manter a Wally como amante, pero esta non aceptou o trato e non se volveron a ver. Unha terceira muller é Adele, irmá de Edith, coa que se di que podería ter tido tamén un affair.

A morte e a doncela. Egon Schiele, 1915.

A morte e a doncela. Egon Schiele, 1915.

4. Obra. A vida de Egon Schiele sería curta e turbulenta, pero ninguén pode dicir que a súa fama se debe a iso e non á súa obra como aconteceu con outros artistas da época (investigade a Richard Gerstl e xa veredes). Schiele foi un pintor prolífico desde moi novo, cun estilo que foi evolucionando ata se converter en inconfundible: formas algo toscas e grotescas, pero á vez delicadas. Mulleres espidas en posicións bastante explícitas que lle valeron problemas cos veciños e coa lei, que rapidamente tachou a súa obra de pornográfica (e non erótica). O que máis fixo foron retratos (das súas modelos, de Wally, del mesmo), pero tamén pintou paisaxes e naturezas mortas. Dous temas parecían estar sempre presentes: o sexo e a morte.

5. Guerra e morte. Egon Schiele morreu en 1918, pero non na guerra. A esta sobreviviu grazas á comprensión dos seus superiores, que rapidamente viron que o pintor non ía ser de moita utilidade loitando na fronte e lle encomendaron a tarefa de vixiar aos prisioneiros rusos. Algo que lle deixaba moito tempo para seguir pintando. En 1917 puido voltar a Viena, onde o seu traballo comenzou por fin a ser recoñecido: invitárono a unha exposición no Edificio de Secesión que foi todo un éxito, as súas pinturas empezaron a subir de prezo, tivo máis expos por Europa. En 1918, non obstante, no punto máis doce da súa vida, chegou a chamada “gripe española” a Viena. Egon Schiele foi unha dos 20 millóns de vítimas que se cobrou a epidemia en Europa. Morreu o 31 de outubro de 1918, tres días despois de que o fixese a súa muller (embarazada de seis meses).

Tiña 28 anos.

* O Leopold Museum de Viena ten a colección máis ampla do mundo de obras de Schiele. Outras visitas obrigadas para os (obsesivos) fans do pintor son o Egon Schiele Museum en Tulln (na casa na que naceu), o Egon Schiele Art Centrum en Český Krumlov (República Checa), ou a visita á súa tumba no cemiterio de St. Ober Veit en Viena.

* A película ‘Egon Schiele Exzess und Bestrafung’ (Alemaña, 1980) relata a vida do pintor, con Jane Birkin no papel de Wally. É posible atopala en Intenet se se busca ben (e non vos asustedes,atoparedes páxinas porno na procura pero a película non o é!)

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *