Ela Diz, moda para rapazas de todas as idades

Laura Insausti Diz chegou desde Donosti a Compostela con 19 anos para estudar Farmacia, pero ao final as teas, os volantes e as cremalleiras acabaron tirando máis, e un bo día decidiu lanzarse e abrir unha pequena tenda na Praza de Fonterrabía co obxectivo, segundo afirma, de encher un oco  ata o de agora existente na cidade: un establecemento de  roupa que ofreza algo “diferente”.

Ese bo día foi hai tan só uns meses. Alentada pola súa parella, e tras quedar sen traballo díxose que “agora ou nunca”. Ese algo diferente baséase na selección das prendas, procedentes tanto de deseñadores galegos e creadores emerxentes como de firmas máis consolidadas. Así, os tucáns e as cores chamativas entran no escaparate de Ela Diz da man de Chula, unha marca creada por dous galegos de Ferrol que na actualidade viven en Vietnam, onde fabrican roupa de xeito artesanal. Na tenda atoparás tamén confeccións de Mónica Cordera, unha asturiana que fai todas as prendas en Galicia, “edicións limitadas”, segundo nos explica Laura; ou de Luna Moreno, posta en marcha por unhas arquitectas catalanas que se pasaron ao mundo da moda. Entre as marcas cunha ampla traxectoria, Laura destaca a danesa Whiite, a vasca Laga e a francesa Bande Originale.

En cuestión de complementos, na tenda tamén están á venda xoias de Merry F., a mesma deseñadora de complementos que escoulleu a galega Sara Coleman para acompañar ás súas prendas na Cibeles Fashion Week (e por certo, este inverno tamén poderemos atopar en Ela Diz as creacións de Coleman). Os bolsos feitos a man da donostiarra Muxugorri ou os complementos de Julia Figueroa, completan a selección.

Outro dos puntos fortes da tenda para a súa promotora é que se dirixe a un amplo abano de clientas, cubrindo distintos estilos. Por iso, non resulta estrano ver a un muller de 60 anos entrando pola porta coa súa filla de 30, e que ambas saian cunha bolsa. Xunto coa variedade de marcas e inspiracións, nesta disparidade de públicos tamén ten que ver a aposta de Laura por talles grandes, algo que moitas clientas agradecen.

En Ela Diz as consumidoras son as protagonistas, as “rapazas”, que dan vida ás prendas. Por iso, Laura sácalles fotos cando proban a roupa, que despois colga no seu blog. Empezou por casualidade, cunha amiga, e continuou coas súas clientas. “É unha forma de dinamizar o blog, e ademais ten moi boa acollida”, afirma a responsable do establecemento.

Laura é ademais consciente de que un escaparate ben montado é un importante reclamo, polo que lle dedica tempo e moitas “rompeduras de cabeza”. Por exemplo, o Día das Letras Galegas, inspirada polos versos do grupo de música Novedades Carmiña “Uso gafas Castelao para ler a Lois Pereiro”, montou un escaparate cun busto de Castelao (claro está, gafas incluidas), e un poemario e fotografías de Lois Pereiro.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *