Imos de picnic! 4 consellos para que nada falle

O bo (o malo?) do verán galego é que moitas veces parece unha primavera eterna, e malia que si hai días de moita calor, hai tamén días nos que pensar na praia dá un pouco de frío. E, ademais, non todos vivimos a carón do mar! Que facer nestes días de bo tempo pero aínda frescos? Moi sinxelo: escoller un parque e ir de picnic! Se non tes moi claro como preparalo, aquí van os nosos consellos.

1. A cesta e o mantel. Parecen tonterías pero non deixan de estar na base de todo bo picnic: unha cesta de mimbre é moito máis bonita que unhas bolsas de plástico, e un mantel de cadros sobre o césped queda moito mellor que calquera outra superficie improvisada. Se non tes nin cesta nin mantel, valen tamén bolsas de tela ou unha mochila, e unha manta ou o socorrido farrapo a modo de mantel. E un consello extra: non esquezas meter servilletas!

2. A comida. Unha vez solucionados eses pequenos problemas técnicos de inicio, queda o que de verdade importa: que meter dentro da cesta (ou a bolsa ou mochila)? As opcións son moitas e ben variadas, aínda que nun bo picnic non poden faltar nin o pan (unha boa bola de millo sempre é mellor ca unha baguette), nin o queixo: é dicir, de camiño ao parque pasa por un mercado! Despois están os sempre clásicos empanada, tortilla de patatas, filetes de polo empanados e algunha ensalada. Iso si, lembra coller cubertos! Unhas aceitunas sempre quedan ben de aperitivo e moita froita e algunhas galletas (caseiras!) para o postre. Evita o chocolate e as cousas que se derreten. E non deixes que as cousas queden aburridas dentro da cesta: o teu mantel ou farrapo é ideal para sacar toda a comida á vez e comer o que nos apeteza en cada momento.

3. Bebida. Aquí temos varias opcións: quen queira ter un picnic verdadeiramente chic deberá coller unha botella de viño (tinto a ser posible, pero un Ribeiro ou Albariño tamén son aceptados) e copas de cristal. Imaxina a estampa! Se un non quere ser tan elegante, pode optar pola cervexa, os zumos e, por suposto, auga. E as copas de viño quedan moi ben, pero se de verdade lles temos aprezo mellor coller uns deses vasiños de plástico de cores que tamén son perfectos para este tipo de ocasións.

4. Lugar. Falamos de parque case por defecto, pero as opcións son moitas: podes facer o picnic nunha praia (a ser posible entón nun día no que non vaia moita calor e non vaias a estar rodeado de xente e nenos que gritan), nun monte (que hai mellor que facer unha pequena rota de sendeirismo e coronar a cima poñendo o noso mantel no chan e comendo a nosa merecida recompensa?), á beira dun río… xa sabes: natureza, pouca (ou ningunha) xente, e lonxe do ruído dos coches ou da civilización.

Así de sinxelo! Despois cada picnic é un mundo, podes preparalo durante varios días ou improvisalo no último momento, o importante é o espírito! Os instrumentos musicais e as cartas son tamén benvidos. E ao rematar, xa sabes, recolle todo e non deixes ningún lixo: que o teu recuncho quede perfecto para cando volvas facer picnic aí!

Foto | Mykl Roventine

Shares

5 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *