6 lugares sorprendentes nos que durmir estas vacacións

Interior do Castelo de Wick

Durmir nunha antiga fábrica de cervexa reconvertida en loft? Ou se cadra probar a deixarse mexer polo mar nunha antiga boia de salvamento reconvertida en sorprendente habitación? Wimdu é a penúltima páxina de reserva de aloxamento que acaba de lanzarse ao mercado español. Segundo eles defenden ofertan aloxamentos orixinais e diferentes para todos os petos e partindo sempre dende a filosofía de facer turismo sendo o máis local posible. O que fai que entre a súa oferta pódanse atopar, sobre todo, apartamentos e cuartos de invitados. Aínda que escudriñando tamén se acaba dando con propostas moito menos tradicionais ou caseiras.


1. Cápsulas de salvamento.

Se viaxas a Holanda, se cadra che interesen. Estas cápsulas de salvamento submarino están preto da Haia, en Scheveningen, unha cidade costeira moi turística que pintou nos seus tempos Van Gogh. E que, por certo, ten o seu punto sinistro: no casco vello está o centro de detención do Tribunal Internacional de Xustiza.

As cápsulas son de 1972 e teñen un tamaño non moi amplo, algo máis de catro metros de diámetro. Dentro teñen unha hamaca para durmir, un reprodutor de DVD e froita fresca.

Sae a 60 euros a noite.

Se non se ten claustrofobia sempre vaga a pena intentalo, non?

 

2.Loft nunha antiga fábrica de cervexa.

Este queda un pouco máis lonxe. Está en Melbourne, a segunda cidade máis poboada de Australia. A que era unha antiga fábrica de cervexa do século XIX acabou reconvertida nun deses tan modernos edificios de lofts. Neste caso hai que compartir o tempo de estancia coa persoa que vive nel, un consultor de TI e marketing de 29 anos. Custa 49 euros a noite.

3. Grúa no mar do Norte.

Esta é unha das nosas propostas favoritas: trátase dunha grúa, na zona sur do Mar do Norte, o coñecido como Mar de Waden, situada no porto da cidade holandesa de Harlingen. Construírona a finais dos 60 e a cabina (onde se durme, tras dous anos de traballo para acondicionala) está suspendida a 17 metros sobre o chan. As vistas disque son espectaculares. Raro é dabondo e barato non moito (319 euros a noite).

4. Casa nunha árbore

Neste caso, máis que o raro, o que tira son os soños da infancia xamais cumpridos. Viades vós aquelas series americanas nas que os nenos tiñan unha casa na árbore e eran moi felices e sufriades porque o voso avó non entendía que era o que queriades que vos fixera no alto da figueira? Pois se – tamén – arrastrades ese trauma, deixádevos caer por Ploemel, unha pequena localidade da Bretaña. Na casa da árbore caben de unha a catro persoas. Alugala sae a partir de 130 euros a noite. E, ademais, descubriredes o que é un baño mongol, que é o que ten a casa da árbore e que Google Imaxes non é capaz de sacar do misterio.

5. Masia de 250 anos

Se cadra esta é unha das aportacións menos sorprendentes da lista: unha masia de 250 anos de antigüidade, na zona vitícola de Sant Pere de Ribes. Preto de Tarragona, moi estilosa e con nivel: o seu caché é elevado. Dende 714 euros a noite.

6. Castelo medieval

Esta é a aposta máis cara da lista, por iso a deixamos para o final. Soñar non lle fai a ninguén ningún mal, non si? Está en Wick, unha localidade do norte de Escocia, que ten a rúa máis corta do mundo (dio a Wikipedia, non nós), e sae a 8.061 euros a noite. Claro que o que se aluga é un castelo medieval ao completo, a Ackergill Tower. Ten 27 habitacións, decoradas de forma individual. Segundo a súa entrada na páxina, un destino favorito do mundo dos negocios.

Fotos | Wimdu

Outra recomendación de lugares estraños nos que durmir, o cárcere de Långholmen, en Estocolmo

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *