5 razóns polas que probar Google+

Google + en hangout“Outra rede social? Para que queremos algo que é coma Facebook, se xa temos Facebook?”

Esas dúas preguntas escoitáronse (e léronse) moito esta última semana na rede, desde o momento no que Google sacou á luz o seu (enésimo) intento de crear unha rede social: Google+. En Disquecool somos un pouco escépticos en canto ao éxito real que vai ter esta nova plataforma, pero como nos gusta bastante, queremos que triunfe e sabemos que temos o poder de crear tendencia (?), aquí van as 5 razóns polas que deberías darlle unha oportunidade:

  1. Non é Facebook. Hai xente que é quen de sobrevivir sen estar en ningunha rede social, pero posiblemente ese non sexa o noso caso. Aí estamos todos en Facebook, criticándoo, sufrindo o seu demoníaco chat e o novo sistema de mensaxes que ninguén entende. Sabendo ademais que todo o que subimos á rede deixa de ser noso e imaxinando a Mark Zuckerberg como unha persoa malvada que controla o mundo, pero aínda así sendo fans do seu canciño Beast (pódese ser máis adorable?). Agora temos unha nova opción limpa, co bendito GTalk integrado e sen antigos compañeiros de colexio que queren ser amigos nosos.
  2.  

  3. Os hangouts. Parte da redacción de Disquecool probou o outro día por primeira vez o dos hangouts, e quedamos encantados! Unha videoconferencia entre varios usuarios na que ademais Google é o suficientemente listo como para poñer en grande na pantalla á persoa que está a falar en cada momento. Que si, que en Skype agora tamén é posible ter videochamadas en grupo (e posiblemente dentro de poco tamén o vexamos en Facebook), pero isto é como máis profesional. Crear un “circle” para Disquecool e facer unha reunión de traballo Compostela-Vigo-Madrid-Santander-Viena. Xa somos un medio de verdade!
  4.  

  5. Os datos son teus. Ben é certo que se Facebook xa non inspira demasiada confianza no eido da protección de datos e privacidade, de Google tampouco nos fiaríamos cos ollos pechados. Pero parece que polo menos esta vez, despois de catástrofes como a de Buzz, están a intentar facer as cousas ben. Case á vez que Google+, apareceu tamén Google Takeout, un servizo mediante o que o usuario pode descargarse todos os datos (fotos, contactos, etc) que ten na nube de Google. E o máis importante, borralos por completo dos seus servidores. Ademais os dereitos das fotos que subimos seguen a ser nosos e desde Google xuran e perxuran que xamais venderían os nosos datos a anunciantes. Dámoslles un voto de confianza?
  6.  

  7. Elitismo! Agora parécenos imposible vivir sen Facebook, e máis sabendo que non todo o mundo ten unha conta en Google. Pero lembras cando o MSN Messenger parecía a única forma de chatear no mundo post-IRC? Pero entón apareceu o GTalk nas nosas vidas e esquecemos o Messenger (e os seus contactos!) para sempre. Pénsao ben, con quen falas máis? Non sería estraño que os teus contactos máis importantes sexan precisamente os que teñen xa unha conta en Google, polo que non terías que arrastrar a ninguén ata Google+. Se conseguimos dalgunha forma manter aos nosos amigos usuarios de Hotmail e Yahoo despois de abandonar o Messenger, por que non ía a sobrevivir a nosa amizade ao abandono de Facebook?
  8.  

  9. Non ten (de momento) xogos deses cos que os teus contactos saturan o teu muro timeline stream. Chegarán? Seguramente, pero de momento o stream de Google+ é tan limpo, con tan pouquiña xente e sen vacas perdidas ou invitacións a guerras de zombies, que entrar é como respirar aire puro e limpo despois de pasar varios anos nunha cidade chea de contaminación.

Convencidos?

Foto | Andrés Fraga

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *