Purga: Secretos, traizóns e medias verdades estonias

Aliide Truu leva “como cada día, dende a noite no concello” dúas bragas, unha sobre outra, porque así se sinte máis segura. Aliide Truu é unha anciá e descubrimos na páxina 39 que oculta algunha traxedia antiga. Zara, que apareceu na porta da casa de Aliide, falando un estonio que parece moi antigo conta unha historia confusa e inverosímil sobre como chegou ata alí e sobre todo sobre o deplorable aspecto no que se atopa, agocha algunha traxedia recente.

Estamos no 1992. Estonia acaba de librarse da URRS e é, outra vez, un país independente. E Aliide e Zara son as protagonistas dunha historia de segredos e mentiras familiares na que os bos non son bos de todo e os malos tampouco acaban de selo por completo. O libro chámase ‘Purga’, asínao a autora finesa Sofi Oksanen e é o último best-seller de calidade europeo. En galego sairá este mes, editado por Rinoceronte, que acaba de marcarse un tanto importante ao facerse cun título que non fai máis que acumular premios e que se está convertendo na gran – nova – sensación nórdica.

“Se vos fixades no noso catálogo veredes que non é raro que editemos literatura nórdica”, explica Moisés Barcia, de Rinoceronte, por correo electrónico. “De feito, este é o terceiro libro que traducimos do finlandés”.

‘Purga’ acumula xa o premio Femina, o do Consello Nórdico, varios premios literarios finlandeses, algún que outro dos lectores e unha chea de boas posicións nas listas de ventas. Sofi Oksanen é unha das autoras sensación desta primavera-verán literaria (tanto que se pode pechar unha entrevista vía mail coa autora, mandar o cuestionario… e que Oksanen non chegue á data de peche do artigo, como podemos dar fe), como noutros anos sucedeu con outros autores nórdicos.

A narrativa do norte está de moda, aínda que relacionar a Oksanen con outros nomes coñecidos da zona non é moi axeitado, como nos explica o seu editor galego. “Creo que son distintas as causas do éxito de ‘Purga’ e, por exemplo, a triloxía Millennium de Larsson, que se inscribe nunha tradición xa longa de novela negra”, explica Moisés Barcia. “No caso de Oksanen, é unha obra que ademais de estar escrita dun modo que engancha, cunha trama adictiva, recréase na historia de Estonia, ocupada polos nazis e logo anexionada polos soviéticos, e actualízao co tema das mafias rusas que prostitúen mulleres.”

‘Purga’ conta unha historia familiar, de secretos, mentiras e medias verdades, de traizóns e de decisións tomadas ao calor da desesperación. Pero que ninguén agarde un telefilme de media tarde: Oksanen aproveita a súa historia para recuperar a – escura – historia de Estonia do século XX. Estonia converteuse nun estado independente nos anos 20, aínda que pouco lle durou a independencia. No 39, quedaron baixo o control da URSS, ata que no 41 Alemaña invadiu o territorio (e aquí hai una mancha escura na historia estonia: os nazis foron recibidos como o exército liberador e aínda hoxe o centro Simon Wiesenthal critica que Estonia non condene abertamente ao réxime nazi; botádelle un ollo á Wikipedia). A medida que a Segunda Guerra Mundial ía chegando ao seu fin, as tropas soviéticas volveron a ocupar Estonia. E alí quedaron ata os anos 90.

Esa historia escura, esquecida, é a que recupera Sofi Oksanen. A nai de Oksanen era estonia, casada cun finés, o que lle permitiu á autora coñecer dende dentro como se vivía na Estonia pre-independencia. Para documentarse, Oksanen empregou toda clase de documentos, dende revistas da época ata os terribles arquivos da policía secreta soviética para descubrir como era a dura vida cotiá da época. E sobre todo descubrir como os heroes non sempre o son. E as traidoras da patria tamén teñen ás veces as súas razóns.

‘Purga’ saíu hai uns meses en castelán, en Salamandra, que pechou coa adquisición dos dereitos en español deste libro un dos grandes movementos do mercado literario. Antes incluso de que a edición estivese na rúa, Purga xa entraba nos clásicos listados de libros que todos os medios publican do que non hai que deixar de ler no ano. En galego non chega moito máis tarde que en castelán, así que a pregunta ao editor parece clara.

Como de complicado e de caro tivo que ser para unha editorial galega – e pequena en comparación cos xigantes do mercado – facerse cos dereitos de Purga? Moisés Barcia confésanos que non se arruinaron no movemento. “Interesámonos pola obra antes de que fose coñecida”, explica. “Non foi así por exemplo no caso do castelán, que se organizou unha poxa meses despois de que nos fixésemos cos dereitos para o galego, e finalmente quedou cos dereitos quen máis poxou”, engade.

Foto | Toni Härkönen | Rinoceronte

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *