Lois Pereiro, en cómic

Lois Pereiro, homenaxeado no Día das Letras Galegas este ano, serviu de reclamo para a publicación de numerosos traballos sobre a súa figura. Un dos máis interesantes, desde o meu punto de vista, e ‘Lois Pereiro.Breve encontro’, un achegamento comiqueiro á biografía e á obra do poeta, realizado por Jacobo Fernández Serrano.

Este cómic serve de perfecta introdución á figura do poeta monfortino, áxil, imaxinativa, pero non por iso menos profunda, permítenos coñecer os feitos máis importantes da vida de Lois Pereiro se aínda non estabamos familiarizados coa súa figura, pero tamén gozar dunha forma diferente de retratar ao poeta se xa eramos fans.

Por que un Lois Pereiro en novela gráfica? Jacobo Fernández xa coñecía (e apreciaba) a obra de Lois Pereiro, e pensou que era o máis indicado para ter un cómic. “El era aficionado os cómics… e les os seus escritos e atopas un homenaxeado das letras galegas que escoitaba Radio3! Era moi próximo, un dos nosos…e por iso atraíame tanto a idea de levalo ao cómic, non ía ser algo forzado, senón natural”.

Un dos puntos fortes do cómic é que nos presenta a vida, pero tamén a obra de Lois Pereiro, que coma en todo artista son en certa maneira inseparables. Así, a medida que avanzamos na biografía cada vez son máis as páxinas ocupadas polos poemas de Lois, de forma gráfica e sen romper coa continuidade da historia. Pero non só os poemas, tamén outro tipo de textos, como ensaios, diarios, entrevistas ou mesmo as súas influencias. “Sempre que puidese facer que  Lois falase coas súas propias palabras, parecíame a forma máis directa de que a personaxe de Lois chégase aos lectores”.

O outro gran acerto do cómic é que nos presenta un Lois Pereiro vital, lonxe da imaxe de malditismo coa que as veces nos gusta envolver aos artistas máis lúcidos. Si, por suposto, nunha biografía de Lois Pereiro ten que aparecer a súa relación coa morte (fundamental nos seus poemas), a súa enfermidade – en 1981 intoxicouse co aceite de colza desnaturalizado-, e mesmo a súa relación coas drogas, pero sen -creo eu- mergullarnos nun sensacionalismo que nos afaste do espírito pereirano.

Así, a pesar de que o cómic é fiel á realidade, e nos presenta en determinados momentos un Lois coa mobilidade reducida, noutros intres máis “mentais”, Lois non para de bulir, facendo o pino ou volteretas… para mostrar unha forza que si era parte da súa personalidade. “Aínda que é certo que estivo de fronte coa morte, dende o meu punto de vista”, explica Jacobo Fernández, “iso non deixa de facer que Lois fora un tipo curioso, lanzado ás cousas da vida, a percorrer as cidades, a viaxar, a meterse en canta cousa moderna aparecese…”.

‘Lois Pereiro. Breve encontro’ está publicado por Xerais (a súa primeira incursión en novela gráfica)  e costa 15 euros. E resulta unha lectura, máis que recomendable.

Se queredes saber máis sobre o autor, Jacobo Fernández Serrano, podedes botarlle un ollo a súa disqueficha.

Imaxes | Jacobo Fernández Serrano

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *