A Feria do Libro de Vigo en tempos de crise

Como ven sendo usual nas Feiras do Libro destes tempos, a de Vigo resente a crise e o deixa ver no número de expositores, que decrece ano tras ano. Aos amantes da literatura danos un pouco de pena ver tan poucas casetas sobre a Alameda e botamos en falta o bulicio que recordamos nas Feiras do Libro da nosa nenez (quizais magnificadas polo noso pequeno tamaño).

Este ano son 18 os stands participantes (un menos que o ano pasado), e só 9 librerías. Segundo Xurxo Patiño, membro da comisión técnica da Feira e presidente da Federación de libreiros de Galicia, a baixada é froito da propia crise, que afecta profundamente as librerías. “Para unha librería con ganancias febles é difícil manter a vez o stand aquí e a súa librería, para empezar fai falla xente”.

Fronte ao que eu cría, as Feiras non son un escenario de rendibilidade alta e recuperar os cartos invertidos custa certo esforzo, especialmente en Vigo, onde actualmente o número de stands é a metade do de Coruña, por exemplo.

Aínda así, o certo é que á xente gústalle pasear pola Feira do Libro. Non podo dicir que estivera atestada, pero eran bastantes as persoas que axexaban entre os libros e preguntaban polas novidades. O día de onte, sen choiva pero sen sol, probablemente axudou a que a Feira do Libro se converterse nun plan atractivo. E de feito, todo parece indicar que este ano haberá máis visitantes que o ano pasado (aínda que é difícil afirmalo tras so catro días de Feira).

Patiño cre que se nota como esta fórmula está a se facer máis atractiva co paso do tempo, xa que a oferta é máis plural que nas librerías. Por suposto, atopamos todas as novidades e exitazos (dou fe de que libros como ‘Purga’, ‘Ollos de auga’ ou ‘Ártico 2.0’ parecían omnipresentes), pero tamén podemos ver reproducións facsimilares ou cómics antigos e, sobre todo, podemos participar nunha serie de actividades ao redor do libro. E é que a función principal dunha feira destas características é servir de espazo de contacto directo entre o libro e o lector.

Outra cousa diferente que podemos atopar é o stand da biblioteca central, que participa por segundo ano na Feira, e que pode causar un pouco de confusión. “Podo levalo?” preguntei chea de entusiasmo con ‘Dublineses’ na man. Pero explicáronme que non, que o obxectivo do stand é dar a coñecer a oferta da biblioteca a aqueles que cren que trátase dun sitio gris, escuro, e cheo de xente con gafas estudando. E dende logo, doulle a razón, a biblioteca central ten unha situación e un horario moi mellorables, pero os fondos non están nada mal. Libros, por suposto, pero tamén moitos cómics, dvds de filmes non tan fáciles de conseguir, música… sacando a súa oferta á rúa, danse a coñecer e son moitos os que se fan socios no mesmo stand.

Polo demais, propóñovos que vos fagades cun programa para saber que actividades teñen planexadas. Onte, por exemplo, houbo un faladoiro arredor do libro ‘Indignádevos’ de Stephane Hessel, que remarca a tendencia da Feira de insistir na repercusión social e na unión da literatura coa actualidade. Outra actividade moi interesante é unha mesa redonda arredor de Lois Pereiro, que terá lugar o venres ás 19.30 coa participación de Jacobo Fernández Serrano (autor do cómic ‘Lois Pereiro. Breve encontro’, do que faremos unha recensión en breve), do irmán de Lois, Xosé Manuel Pereiro, e doutros autores ou coordinadores de biografías e antoloxías do escritor.

Por non esquecer que para aqueles con nenos, a Feira oferta todos os días actividades infantís as 18.30, tales como contacontos, maxia, bailes ou obradoiros de ilustración.

Unha oferta cultural que remata o 10 de xullo. Eu anímovos a pasarvos antes pola Feira do Libro e ata a mercar unha novela ou dúas. Así, quizais, o ano que ven conseguirán sumar un novo expositor. Así, quizais, podamos asegurar un futuro florido e fermoso para a Feira.

Foto | Disquecool

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *