‘La vida bonita’ de Eme

Para recibir o verán a todo cor a tenda O gato cósmico, da que xa che falamos en Disquecool, vén de inaugurar a mostra ‘La vida bonita’ a cargo de Eme (A Coruña, 1984), unha artista multidisciplinar que expón por primeira vez en Santiago.

Eme conta cun estilo próximo ao arte urbano postgrafiti moi influenciado polo mundo do skate, o surf e a música. Expón en salas e galerías a nivel nacional como a Sala Alterarte (Ourense), Apetit Gallery (Bilbao) ou Ikara (Barcelona), e a galería Ad Hoc de Vigo acaba de facerse coa súa obra. Ademais foi seleccionada pola marca Roxy para deseñar roupa, skates e ata un coche.

En Disquecool quixemos aproximarnos á súa obra a través da particular ollada de Saara Kiviluoto, finlandesa, licenciada en Historia da Arte e cunha traxectoria ligada ao mundo da arte, tendo traballado en institucións como o Instituto Cultural de Finlandia en Madrid.

Saara: Como xurdiu esta exposición?

Eme: Matilde [a propietaria de O Gato Cósmico] escribiume e pareceume unha idea moi interesante, é unha tenda que creo que aquí en Santiago é das primeiras que hai deste estilo, con artistas, series limitadas… na Coruña non hai ningunha así. Para min foi unha oportunidade, xa que aínda non expuxera en Santiago. É un xeito de facer algo máis ‘lixeiro’, non é unha exposición nunha galería, pero tamén é unha mostra do que fas.

S. Atrae tamén a outro tipo de público que podería estar interesado…

E. Si, claro, é tamén tocar a outro tipo de xente, máis de ilustración e deseño, que ao mellor non vai tanto ás exposicións en galerías. Establécese un nivel diferente, parece que a galería é como…

S. …arte que non podes mercar, que está fóra do teu alcance.

E. Si, de feito eu para esta exposición quixen facer dous modelos de debuxos que son unha serie limitada, son unha impresión dixital para que saíra máis barato que unha serigrafía. As láminas son a 5 euros, e é unha serie de 50. Intentei buscar algo para este tipo de tenda na o que público vai gastar entre 10 e 15 euros.

S. Pero en todo caso, ao tratarse dunha serie limitada a 50, terán unha obra de arte de verdade, non é como mercar un póster.

E. Claro, é unha serie, e dalgún xeito podes ter arte na casa. A min sempre me incomodou un pouco artisticamente non poder chegar realmente a todo o mundo, porque eu mesma igual non podería mercar obras miñas se mas vendera a min mesma.

S. Á hora de montar esta exposición, pensaches no público ou fixeches un pouco o que che veu en gana?

E. Foi todo un pouco rápido, porque non tiven moito tempo para montala, e ademais xusto agora hai unha galería en Vigo, Ad Hoc, que acaba de ficharme, e é unha galería que está en feiras importantes, como Arco ou a Feira de Nova York. Así que a mostra colleume nun momento de estrés, de ter que recompilar obras para levárllelas a eles, e entón non fixen obra para esta exposición, senón que collín un pouco o máis representativo do que fago.

S. É tamén o que máis pode interesar á xente que vén a este tipo de tendas, non?

E. Si, ao final creo que quedou moi ben, que encaixa, non é unha parede que non teña ningún tipo de unión co tipo de produtos ou artistas que pode haber na tenda.

S. Que relación persoal tes co deseño?

E. Para min é a parte práctica, a parte monetaria. Agora mesmo como artista non vives, é difícil e unha carreira de fondo, pero a min por exemplo sáenme moitos traballos para pintar murais en locais ou tendas, ou para deseñar camisetas para algunha marca.

S. Tamén é bo marketing para ti, para darte a coñecer.

E. Si, móvese máis que una obra que alguén leva para a súa casa. Do deseño poden facerse copias e distribuír moito máis.

S. Pero ademais de deseño fas belas artes tamén, son dúas cousas que se complementan?

E. Si, por suposto, eu considéroo como unha extensión, non me formulo cando teño que facer deseño borrar todo o que eu teño, a miña bagaxe de imaxinería.

S. Así que non pos límites entre unha cousa e a outra.

E. Non, en absoluto, de feito aquí teño pinturas, tamén láminas e unha instalación.

S. É tamén un xeito de mostrar que poden facer os artistas, que non se restrinxe só a exhibir en galerías. Deste modo tamén tes outro tipo de visibilidade e poden pórse en contacto contigo para outras cousas tamén.

E. Si, creo que é bo. Agora a min saíume esta outra cousa que é moi importante [a galería Ad Hoc]. É outro tipo de camiño, de proxecto, pero eu creo que en ningún momento hai que pensar que estás por riba doutro tipo de tendas que tamén poden ofrecer un público moi interesante e quizais algunha saída profesional.

S. Pode que exista unha nova xeración de artistas que pensen así, que non entra tanto no tema de estar só na galería.

E. Os artistas urbanos teñen unha actitude un pouco máis aberta, de facer merchandising da súa obra, porque ao fin e ao cabo o que vive de artista pretende vivir diso, é unha profesión.

S. Bueno, é que a imaxe romántica do artista xa…

E. Ser artista é traballo, todos os días, e nestes tempos resistir moito e facer cousas. Hai que estar disposto a utilizar todo tipo de soportes e en todo tipo de lugares, non considerar o ‘non, eu só vou expoñer en galerías, só vou pintar cadros’ porque eu creo que así péchaste. O interesante sería dicir, ‘ben, como artista podo formularme o meu traballo en calquera tipo de soporte’.

S. Tamén é obra do artista atopar as saídas, ver como rachar coa imaxe do artista.

S. Si, totalmente, como algo moito máis de a pé. Un artista é unha persoa normal, coas mesmas necesidades. Hai que pagar a auga, a luz… Tes que buscarte a vida, usar a creatividade para sacar adiante a túa vida profesional. É importantísimo usar a creatividade para pensar onde podería estar eu, que podería aportar a máis cousas: ao mundo do deseño, á moda…

S. Tes un soño? Cal sería o teu proxecto perfecto?

E. Pedín unha bolsa para realizar un proxecto máis pensado e deseñado, e facelo noutro país. Interésame Dinamarca polo tema da calidade de vida e o proteccionismo social que teñen. Eu utilizo moito a relación da casa, do ser humano co resto da sociedade, como nos relacionamos…

S. Totalmente diferente!

E. Claro, entón a min interesábame realizar un proxecto alí. A miña idea non só era pintar cadros ou facer unha intervención na rúa, senón que quería captar esa idea de todos os xeitos posibles, con vídeo, son… formulalo dunha forma moi aberta.

S. Entendo que reflectir o que pensa un español en Dinamarca, porque ti o ves desde fóra da súa cultura.

E. Como turista eu creo que non te empapas realmente do que é un país. Como artista pretendía coller un pouco das dúas culturas e traerme despois –porque o final do proxecto era facer unha exposición en España- un rexistro de son, imaxe, pintura…, un pouco de todo.

S. Eu veño de traballar no Instituto Cultural de Finlandia, e o meu traballo trata precisamente diso. Non podes traer algo de Finlandia directamente e pensar que a xente o vai ver igual. Tivemos una exposición dun artista español que pasou un inverno no norte de Finlandia e vía os rapaces finlandeses cos calzóns longos debido ao frío, e a el parecíanlle superheroes. Así que ten unha serie de obras con superheroes finlandeses, que son rapaces normais con calzóns longos. Quizais o teu vaia un pouco tamén por aí, do conflito entre culturas, dos distintos puntos de vista…

E. Si, vai tamén por aí, o concepto que temos aquí de público e privado e o que teñen aí creo que é totalmente diferente. Digamos que quero traballar e enriquecerme do que podo observar eu desa sociedade diferente.

* ‘La vida bonita’ pode visitarse ata o próximo 24 de setembro en O gato cósmico
* Podes coñecer máis sobre Eme e os seus traballos na súa web

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *