Sinsal San Simón: microparaíso musical

Sinsal San Simón

Moitas veces temos tantas ganas de algo do que a nosa imaxinación nos prometeu tanto que despois, cando chega o momento da verdade, quedamos un pouco decepcionados. Non foi (afortunadamente) o que pasou o pasado sábado no pequeno festival Sinsal San Simón. De feito, a xornada superou todas as nosas expectativas.

Chegamos con ganas de música e tranquilidade, e iso foi o que tivemos. Música de todos os paus, desde o jazz de 2uS, que foron os primeiros en tocar e sufriron a falta de público, ata o punk (xa menos tranquilo) das arxentinas The Kellies; e sobre todo espazo, espazo en todo momento para respirar, para pasear, para bailar. E nin tan sequera a calor infernal que facía (atenuada polas benditas sombras e pola aparición dun vento que fixo que todo fose máis fácil), nin os pequenos erros de organización (parece ser que quedaron sen auga e cervexa cara o final do día… nós nin nos decatamos) lograron escurecer a xornada. Pero imos á música, que é o que nos importa.

The Marzipan Man

The Marzipan Man

Tras o comezo jazzístico co clarinete de Fernando Abreu como protagonista a cargo de 2uS, chegou The Marzipan Man (“o rapaz de mazapán”, como xa nos gusta chamalo) coas súas cancións sinxelas que falan de raposos e bosques e armado tan só coa súa guitarra eléctrica e coa súa fermosa voz. Arrancou co Corrina, Corrina de Bob Dylan, meteu a nana tradicional All The Pretty Little Horses polo medio e rematou cunha fermosísima versión de Suzanne de Leonard Cohen. E tamén, claro, moitas aventuras do home de mazapán.

A sesión de Mweslee veuse algo ensombrecida polos fallos de son que tivo ao principio (“prometeron ruído e leva media hora de silencio”, dicía alguén en Twitter) e polo feito de que moitos xa aproveitasen o momento para marchar a comer algo. O sol pegaba forte ás dúas da tarde.

Murmel Bruxas chegaron con bastante atraso e unha das propostas máis estrañas do festival. É certo que a xornada estaba caracterizada pola variedade de estilos, pero quizais o das Murmel era demasiado: teatro, cabaret, e os seus disfraces de bruxas, nunha actuación que desentoou un pouco. Iso si, cando collían os instrumentos (chelo, guitarra e teclado), todo cambiaba para mellor.

Despois das bruxas chegaba unha das actuacións máis esperadas, a de Jane Joyd, que viña de gañar o Proyecto Demo de Radio 3. O seu set non defraudou e encheu o escenario San Antón coa súa voz e a súa guitarra acústica (a única en toda a illa e moi solicitada). Aínda que non estaba soa: á batería acompañábaa Xulio Vázquez, dando forza aos temas que necesitan forza, e deixándoa soa cando non fai falla nada máis. Despois de ver a Elba Fernández en directo as comparacións con Russian Red parecen aínda máis incomprensibles.

Despois dun descanso voltamos ao escenario San Antón para ver a The Kellies. O ambiente era xa outro: trala relaxación e sensibilidade de Jane Joyd, as arxentinas puxeron á xente a bailar co seu punk e garage desenfadado. O único ao que non lle deberon de gustar demasiado The Kellies foi a James Toth (Wooden Wand), que sufriu os cambios de horarios provocados polas demoras. O público divertíase con The Kellies pensando que ao rematar podería ver a Wooden Wand, pero Wooden Wand empezou no escenario dos Buxos moito antes (case na súa hora) e realizou a súa actuación case sen público.

O terceiro escenario estreábase pouco despois (tamén bastante deserto) coa actuación estrela da xornada: a francesa Laetitia Velma e, sobre todo e aínda que o seu nome non aparecese en ningún cartel, o seu home Dominique A. Ela aos teclados e el á guitarra eléctrica, todo un luxo para a illa e o público e o festival.

Buke and Gass en Sinsal San Simón

Buke and Gass

A sorpresa, non obstante, foi a de Buke and Gass, que cos seus instrumentos modificados (un ukelele e unha guitarra-baixo), as súas harmonías case imposibles e a súa simpatía (transmitían felicidade, simplemente) namoraron a todos os presentes, que ata pedían por Twitter que os trouxesen a todos os festivais.

Nós retirámonos aí, e quedamos sen ver a Fat 32 e Secret Chiefs, outra vez será. Agora temos un pouco de medo, porque non sabemos se seremos quen de aceptar que os festivais aos que vaiamos a partir de agora non sexan en illas, teñan cola nos baños, ou non vendan froita para tomar de sobremesa.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

7 comentarios

  • Lucía García Vázquez di:

    Ola Ana

    Só quería matizar que non facemos cabaret, só música con algo de dramatización.Si, é dificil ubicarnos pola variedade de estilos das miñas composicións…e quizáis o malo dunha humanidade que pretende etiquetalo todo…pero si, recoñezo que é estraño.

    Pedimos desculpas polo atraso.O grupo anterior estivo probando son fóra do seu horario por un problema de atraso do seu avión, co cal, nos tivemos que preparanos a toda presa e incluso sair a levar os instrumentos, atrís…etc. cos traxes postos, cousa que foi imposible evitar.(Traxes elaborados con moito mimo e profesionalidade por Rosalen, a nosa modista).
    Alégrome que cos instrumentos mellorara a cousa, pois hai moito traballiño de horas e anos non só co proxecto Murmel senón de cada unha individualmente.

    Un saúdo,

    Lucía Vázquez

  • Fotografía de avatar Ana di:

    Ola Lucía,
    Gracias polo teu comentario! Sempre está ben ter tamén a visión desde dentro, para non quedarnos só coas impresións que poidamos ter desde fóra. Os atrasos son poucas veces culpa dos grupos (a non ser que sexades super-estrelas e divas, que creo que non ;-)).
    Claro que se nota que hai moito traballo detrás, en ningún momento quixen dicir (nin dar a entender) o contrario. E, de feito, como xa digo no texto, a min persoalmente as partes que máis me gustaron foron esas, cando colliades os instrumentos, cando se notaba que realmente hai moita calidade musical detrás.
    E aínda que na miña opinión Murmel si desentoaba un pouco no estilo xeral do festival, claro que son necesarias propostas como a vosa para evitar que todo sexa igual e uniforme… perdoade se no texto fun demasiado crítica! :-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *