“Chamarme Misery Bear pega bastante ben comigo”

Probablemente penses que o noso entrevistado de hoxe é incriblemente riquiño. Un adorable osiño de peluche, abrazable e encantador. Equivócaste. Este que ves é Misery Bear, estrela en YouTube, estrela nas redes sociais (ten tantos amigos en Facebook que non lle quedou máis remedio que saltar á páxina de fans, porque a rede social non lle permitía aceptar a ninguén máis) e, segundo The Guardian, é xa algo ‘de culto’. E, por suposto (non nos esquezamos), é o ser máis triste e miserable do planeta. Un pequeno teddy bear alcólico e máis só neste mundo que o Mister Bean que compartía existencia con aquel cutre boneco de trapo.

As súas historias empezaron na web BBC, pero pronto deron o salto ao mundo enteiro vía internet. O seu éxito é tan brutal que ata Kate Moss participou como estrela invitada nunha das súas curtas.

Misery e máis eu falamos por correo electrónico. O oso de vida miserable é un peluche moi ocupado, pero aínda así conseguiu atopar un momento para responder ás dúbidas de Disquecool… e á declaración de amor desta redactora.

– É moi difícil entrevistar a alguén que expón a súa vida como ti fas en internet. Cando e por que decidiches empezarlle a contar á xente a túa vida e problemas?

Non foi cousa miña. Fun secuestrado por uns homes desagradables que fan películas para a BBC aquí en Londres e eles empezaron a gravar os meus problemas diarios. Deben de crer que é divertido, pero eu estou en realidade moi avergonzado con que toda a xente vexa as cousas terribles que me pasan.

Unha foto de Misery 'for Disquecool' (moi riquiño!)

 

-Misery Bear é o teu nome real, non é? Por que os teus pais che fixeron semellante cousa? Chamándote Misery condenáronte a unha vida de aflición e tristeza!

Nunca coñecín aos meus pais. Non estou moi seguro de onde veño. Non me preocupo por chamarme Misery Bear, para ser honestos. Pega bastante ben coa miña personalidade. Creo que odiaría a alguén que se chamase Happy Bear. Seguro que alguén con ese nome sería parvo.

-Moita xente pregúntache isto pero… por que estás sempre tan triste e só? Tes un montón de amigos na rede!! Se cadra pensas que a súa amizade non é moi sincera… (non no meu caso! Eu quero ser a túa amiga de verdade!!)

A xente de internet é riquiña, pero non é mesmo que ter amigos cos que pasar o rato ou unha moza á que arrimarse. Dinme cousas bonitas, pero ás veces iso faime sentir incluso máis só. En realidade, non todos son boas persoas. Algunha xente é malvada. Dinme groserías.

-Non es moi afortunado no amor (e tanto, mirade senón este vídeo). Se cadra estás buscando algo que é moi difícil de atopar… Que é o que buscas nunha moza? Debo confesarche que estou namorada de ti (un pouquiño!) Cres que teño algunha posibilidade? Estou aprendendo danza oriental, por se che interesa…

Alágasme (e gústame a danza do ventre) pero ata mesmo cando penso que atopei o amor sae sempre mal. Tiven algunhas mozas durante estes anos, pero sempre me deixan, ou acaban por odiarme, ou foxen con outros osos. Non son moi esixente, de verdade.

-A única cousa que me preocupa – se chegamos a coñecernos, a namorarnos e nos convertemos en amantes – é o teu problema co alcol. Tes un problema, Misery. Dáste conta? Estás tentando solucionalo?

Como lle podes pedir a alguén acabar coa única cousa que o fai realmente feliz? Unha marabillosa botella de cervexa ou unha de Jack Daniels, ao final (ou ao principio) dun longo e aburrido día axúdame a pasar de todo. Se nos convertemos en amantes, esperaría que compartiras comigo un ou tres tragos a maior parte dos días. Sería divertido!

-Estiveches en España algunha vez? E en Galicia (somos un medio galego, dunha rexión no norte de España, moi cerca de Portugal)?

Estiven na zona de Barcelona e en Portugal, pero non aínda en Galicia. Parece encantador. Encántame viaxar. Visitareina algunha vez seguro.

-Como de difícil é a produción das túas películas?

Moi difícil. A pesar de que eu son un profesional, a xente coa que traballo son moi pouco profesionais e fan que a miña vida sexa moi difícil. Tiran a cámara ou esquecen poñer a cinta e fanme repetir unha e outra vez escenas horribles. Toda a experiencia é moi tediosa.

Misery Bear’s Christmas é un das curtas favoritos dos meus amigos, pero xa te temos visto no traballo, viaxando, na túa voda fallida… Que me podes contar sobre os próximos contidos? E cando sairá a próxima historia de Misery Bear? (E… en que traballas exactamente? Non o entendín moi ben en Misery Bear goes to work…)

Tiven varios traballos de oficina aburridos. Ese xusto é un do que fun despedido. Nada emocionante. Espero gañar moitos cartos coas curtas algún día e non ter que traballar, pero non me pagan moi ben na BBC. Acabo de rematar un novo episodio e sacarei en outubro un libro, así que agora mesmo estou moi ocupado.

-Cantas horas ao día lle adicas ás redes sociais? Es moi activo en Facebook e en Twitter!! Tes algunha axuda? Tes un community manager?

Adícolle moito tempo a Twitter e a Facebook, si. Ao home que vive comigo, Nat (@ratbanjos en Twitter), gústalle dicir que me dirixe, pero é un idiota. Fágoo todo eu só! Incluída esta entrevista!

*Podes seguir a Misery Bear en Twitter e por favor no lle digas groserías. Non as merece!

*Para saber que lle gusta realmente a Misery Bear, bótalle un vistazo á súa disqueficha.

Shares

5 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *