Sónar Galicia Vol.2: The End?

Chegou, por fin: o Sónar abría as súas portas por segundo ano consecutivo en terras galegas. É de ben nacidos ser agradecidos: o esforzo por consolidar a praza coruñesa merece aplausos de gratitude polos que desexamos que o Festival se consolide na nosa terra. 28 actuacións repartidas en dúas xornadas de noite: as novas tendencias mesturadas con arquetipos clásicos e consolidados no mundo da electrónica.

Dj Ino no Sónar Galicia 2011

Dj Ino no Sónar Galicia 2011

O venres, xornada con moi pouco público, que peiteaba cana coa esperadísima actuación de Underworld, explosión de luz e son para lembrar aqueles anos nos que Born Slippy facía as delicias dos mellores clubes do mundo. Público entregado para bailar sen parar cos expertos produtores, magos das pistas de baile; unha actuación para lembrar que estabamos diante dun dos grupos máis importantes da historia da música electrónica. O relevo foi a cargo de Dj-Ino e a Keise Band. Dorrío, Cabana e Ino representaron o mellor facer da música electrónica made in Galicia. Renovación da que fora a banda Silent Djazz, unha fusión de estilos que mereceron todos os aplausos dun público que bailou ao ritmo de La Keise, e que teñen moito que dicir fóra das nosas fronteiras.

O sábado mudou o panorama do venres en canto a asistencia: as esperadas actuacións de Richie Hawtin e Cut Copy non deixaron indiferente ao público congregado, aínda con coincidencia de horarios. Hawtin amosou toda a súa técnica e non deixou un só pé sen mover no Sónar Club, un grande e un clásico no panorama actual; mentres que os Cut Copy despregaron o poder australiano dos saltos de canguro cun público que non deixaba de imitar o movemento de tal singular animal. O resto da noite converteuse nunha gran pista de baile onde diferentes estilos marcaron unha gran festa, nun gran festival.

É de agradecer que a organización non dese por bo o escenario do Hall do recinto, tanto que os nosos oídos agradeceron o novo emprazamento do primeiro escenario. Aínda así o Auditorio, onde o ano pasado se escoitaron grandes propostas, botouse en falta. De haber unha nova edición deste Festival sería de agradecer volver a programar concertos nun dos mellores auditorios no que a acústica se refire. Aínda que o ruxe ruxe sitúa a bicapitalidade deste fermoso Festival na beleza das curvas do Auditorio deseñado por Niemeyer en Avilés, recentemente estreado. Mágoa para nós, ledicia para os nosos curmáns. Agardemos acontecementos, agardemos escoitando música. Saúde.

Foto e vídeo | Xurxo Fernández

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *