Ribeira Sacra: 5 propostas para unha fin de semana


Terra de afiadores, barquilleiros, mosteiros e bos viños, a Ribeira Sacra é un destino perfecto para fuxir calquera fin de semana en busca de descanso e natureza (e viño, claro). As posibilidades que ofrece son variadas, pero desde Disquecool recomendámosche 5 cousas que non podes deixar de facer se visitas a privilexiada contorna do Sil situada a cabalo entre Ourense e Lugo.

1.-  Rotas de sendeirismo. A web do Clube de Montaña Ribeira Sacra informa sobre varias rotas con distintos graos de dificultade e duración. A senda Canón do Sil – Santa Cristina, de 18 quilómetros de lonxitude e unha dificultade media, descorre por camiños de carro e sendas no concello ourensán de Parada de Sil. Se te decantas por esta opción poderás camiñar entre coidadas viñas, centenarios soutos e antigas carballeiras, e visitar o Canón do Sil e os seus impresionantes miradoiros, así como o mosteiro románico de Santa Cristina de Ribas de Sil. Outra opción é o Sendeiro viñedos da Ribeira Sacra (13,3 km, dificultade media), que serpentea entre as vides de uva mencía coa que se elabora o viño da D.O. Ribeira Sacra.

Se non estás en moi boa forma ou non tes tempo podes optar por outras rotas máis asumibles, como a dos Miradoiros (3,3 km, dificultade baixa), ou a Rota dos Carballos e dos Castiñeiros (1 km, dificultade baixa). A web da casa rural A Casa da Eira ofrece tamén unha ampla variedade de rotas descargables para GPS.

2.- Visitar os mosteiros que lle dan nome. Pénsase que o topónimo ‘Ribeira Sacra’ podería proceder da Idade Media, do latín ‘Rivoira Sacrata’, dada a gran cantidade de mosteiros e templos situados na zona. Outros estudos falan máis ben de que a orixe da denominación está ligada aos carballos (‘Rovoyra Sacrata’), tamén cargados de espiritualidade para os celtas.

En todo caso, o que non está en discusión é a influencia dos relixiosos nesta zona e o gran número de mosteiros que aínda hoxe podemos visitar. Algúns deles son Santo Estevo de Ribas de Sil, reconvertido a Parador, pero aberto igualmente a visitas, con tres fermosos claustros; o xa mencionado de Santa Cristina de Ribas de Sil; ou o mosteiro de San Pedro de Rocas, o máis antigo, e o único exemplo de igrexa rupestre, escavada na roca, de Galicia.

Un dos claustros de Santo Estevo de Ribas de Sil

 

3.- Unha viaxe en catamarán. Os catamaráns están cheos de turistas que rompen a paz e a maxia da Ribeira Sacra, pero a non ser que dispoñas de algún tipo de embarcación, son a única opción para coñecer o Canón do Sil desde outra perspectiva. Podes collelo no embarcadoiro de Santo Estevo (hai dúas empresas, Hemisferios e Viajes Pardo) ou no Clube Náutico de Doade (Sober), que opera a Deputación de Lugo.

Desde o catamarán poderás descubrir formas imposibles nas rochas, desde bispos a árabes con turbante, e sentir o cheiro das uvas que penden sobre o río nas terrazas instaladas nas ladeiras do Sil.

Outra opción para percorrer o río con maior independencia é facelo noutro tipo de transportes, como o piragua.

4.- Subir aos miradoiros. Sobre o Canón do Sil hai varios miradoiros que merecen a pena tanto para facer fotos desas que parecen postais como para sentir algo de vertixe baixo os nosos pés. Moi recomendables o Miradoiro de Cabezoás, unha estrutura metálica suspendida sobre o Canón, e os ‘Balcóns de Madrid‘, ambos no Concello de Parada de Sil; así como o miradoiro de Pena do Castelo, en Doade (Concello de Sober), un promontorio cunha pequena ermida que ofrece unhas vistas impresionantes.

5.- Coñecer as adegas e probar os viños da D. O. Ribeira Sacra. O viño foi introducido nestas terras polos romanos e desenvolvido e explotado desde tempos medievais polos monxes, que non eran nada parvos. Dise incluso -aínda que isto soa máis a lenda que a feito histórico- que unha das variantes deste viño, o famoso Amandi, facíaselle traer ao César desde a Gallaecia romanizada.

As peculiaridades xeográficas da zona crean un microclima que favorece a correcta maduración das uvas para a elaboración duns caldos que vale a pena desgustar. Moitas adegas, como a de Algueira, realizan degustacións e visitas ás súas instalacións e incluso contan con restaurante. Outra opción é visitar o Centro do Viño da Ribeira Sacra, situado en Monforte de Lemos, que conta cun espazo museístico, tenda e tapería.

Anímaste?

Fotos | Andrés Fraga

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *