A Reixa e os seus 15 anos

Houbo un tempo no que os amantes do rock dos anos 60 e 70 que vivían ou pasaban por Compostela sentían certa frustración á hora de saír pola noite (ou pola tarde) e non ter ningún lugar no que escoitar a súa música predilecta. Ese tempo xa algo prehistórico (e descoñecido para algúns de nós) rematou hai 15 anos, cando na rúa Tras de Salomé abriu as súas portas A Reixa, a solución proposta polos irmáns Fran e Andrés Villasenín xunto con Miguel Silva para borrar esa frustración dun plumazo. Agora, 15 anos despois, toca celebrar o aniversario, e así se fixo o pasado venres cunha festa por todo o alto.

PulpeiroE como a ocasión ben o merecía, a celebración empezou xa pola mañá cunha sesión vermú na que A Reixa saíu á rúa (os señores das nubes decidiron axudar cun día de sol e calor) e encheu a pequena Tras de Salomé de música en directo, polbo e empanada. E xente, moita xente que fixo que a rúa se convertese sen dúbida no lugar máis concorrido da cidade durante toda a tarde.

Os reclamos eran, claro, algo máis que polbo ou a posibilidade de entrar en A Reixa ás dúas da tarde e sentir que cambiabas de dimensión espazo-temporal (dúas razóns xa de por si soas máis que suficientes para atraer á xente). Baixo o sol abrasador da rúa Tras de Salomé situouse tamén unha pequena tarima que fixo de escenario para as actuacións de varios vellos coñecidos do bar: Héctor & Najla, Two of Us e Bart Davenport, que se uniu a última hora ao cartel (porque como xa sabemos, é moi fan de A Reixa).

Houbo máis? Claro que si. Os superviventes á tarde ao sol e á música na rúa Tras de Salomé (moitos deles, por outra banda) tiñan unha cita máis xa pola noite na sala Capitol, onde volveu actuar Bart Davenport (pero esta vez en versión guitarra eléctrica) e acudiron tamén Al Supersonic and The Teenagers, a banda granadina de soul que fixo bailar a todos os alí presentes durante algo máis dunha hora. Non sabemos que valoración farán desde A Reixa da súa festa de aniversario, pero a nós deixounos exhaustos e felices.

Al Supersonic and The Teenagers

Unhas horas antes, en pleno éxtase de sol e música, preguntabámonos por que non hai eventos así nas rúas compostelanas (e, xa postos, de calquera cidade en xeral) todas as semanas, e Fran Villasenín comentaba que conseguir os permisos fora case un pesadelo. Un pesadelo que afortunadamente tornou nun bonito soño no que A Reixa puido celebrar os seus 15 anos da mellor das formas: con boa música e moitos amigos. E con Bart Davenport sorrinte documentándoo todo na súa pequena cámara de fotos.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *