Kf Central: café moi cool ao lado do Miño


Os lugares cool non están só nas grandes urbes galegas: Tui ten unha das cafeterías con máis encanto nas que estivemos nas últimas semanas. Non só ten unha decoración estupenda, senón que ademais a atención é de dez (damos fe: foron conseguir unhas laranxas un domingo pola tarde – xa non lles quedaban – para cumprir co noso capricho dun zume natural con moito xeo). O lugar é o Kf Central, na rúa das Monxas tudense.

O Kf Central é un curioso lugar, moi moderno, cunha decoración moi estilosa e… no que ademais de xuventude e xente moderna tamén había algunha familia. O ambiente, por tanto, é amigable.

A decoración xoga con dúas divisións: a zona da entrada, con cadeiras ao Luís XVI tapizadas con tela vaqueira e prateadas e mesiñas baixas, e unha zona de cafetería, separada do resto por unhas librerías que diferencian os dous ambientes. As paredes están empapeladas con papel de cor violeta e estampado retro, cuns espellos vintage que lle dan un efecto moi classy.

O único ao que lle vamos a poñer nota negativa son aos cadros modernos en cores lilas, que rompen o efecto retro da sala que é realmente estupendo.

O aspecto do local está coidado ata o derradeiro detalle, o que é moi de agradecer: a porta do baño, por exemplo, non ten nin os clásicos letreiros de señora que poden ser tan espantosos nin unha desas sinais que ninguén entende, coma flores ou signos de difícil descifrado. Aquí optaron pola vía do orixinal pero sinxelo, enchendo as portas con nomes propios masculinos ou femininos.

Kf Central leva tres anos aberto en Tui. Podes visitalo na rúa das Monxas, 3.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *