“Un bo vestiario é aquel que non chama a atención”


Cando era pequena, Mar Fraga (Panxón, 1980), xogaba a disfrazarse e coleccionaba fíos de cores. Cando se fixo maior estudou Belas Artes, para máis tarde regresar ao dedal e as agullas. En Barcelona cursou Deseño de vestiario e comezou a traballar no teatro, un mundo que define como “apaixonante e creativo, pese ao complicado que resulta polas dificultades económicas”. Con José Luis Guerín rodou o filme ‘En la ciudad de Sylvia’ onde xogou coas cores de Estrasburgo. Entón decidiu volver a Galicia e comezou a traballar en series e programas televisivos, primeiro como axudante, e pouco a pouco como xefa de vestiario, en producións como ‘Reliquias’. O seu afán por coñecer outras formas de traballar levouna varias veces ao estranxeiro, por exemplo, a Londres, onde se dedicou a outra das súas paixóns: os sombreiros. Alí asistiu ás clases da antiga sombreireira da Casa Real Inglesa, con quen aprendeu técnicas da sombreirería e tomou o té.

O seu último traballo como Xefa de Vestiario foi na gala dos Premios Mestre Mateo, celebrada o 17 de abril en Ourense.

En que te inspiraches á hora de realizar o vestiario para os Premios Mestre Mateo 2010?

Este ano sabiamos que todo ía a xirar en torno á crise, que había menos cartos que nunca, que o audiovisual está pasando unha época baixa e que os ánimos non están moi altos. Por todo isto Xaime Fandiño, o director da gala, buscaba aportar luz e optimismo, pureza, estilo e elegancia. Afastarnos dos negros e a escuridade. Quería que o vestiario fose de liñas puras, cores planas e sen estampados. Busquei vestidos e traxes sinxelos para darlle o punto rompedor cos complementos. Grandes pendentes, colares e brazaletes, tocados, gravatas vintage dos 50, camisas de corte italiano e foulards de cores intensas. Ademais era importante que os presentadores se sentisen cómodos e guapos co que levaban posto, xa que unha persoa que se sinta disfrazada ou incómoda coa súa roupa transmite inseguridade. A escenografía era un xogo de cubos, un fondo fantástico sobre o que pintar con vestidos coma se fosen pinceladas de cor.

Este ano apostouse pola innovación e a creatividade na gala de entrega dos Premios. Que papel xogou o vestiario nesta edición?

Intentei afastarme do que estamos acostumados a ver nas alfombras vermellas: vestidos largos e vaporosos, brillos e homes de traxe negro e smóking. Era o primeiro ano que tiñamos a unha muller presentando, e quixen iguala ao presentador. Que fose co-presentadora e non acompañante. Por esta razón optei polo frac para ela, dándolle o punto feminino cun corsé de inspiración manga e uns stilettos vermellos. O presentador foi vestido cun chaqué italiano, de pantalón pitillo e chaleco negro. Cunha gravata en tartán fuxia e uns zapatos vermellos dinlle o aire rompedor que unha gala do audiovisual nos permite. Algunhas das invitadas que entregaron premios foron de corto, saíndose un pouco do protocolo.

A gala incluíu unha serie de sketchs sobre unha hipotética Galiwood no ano 2021. Cres que podería facerse realidade? En que situación se atopa o audiovisual galego?

Os sketchs situaban a Galicia na meca do cine e o audiovisual. Sei que a tanto non se vai chegar, pero cos apoios necesarios Galicia pode ser una potencia a nivel estatal moi importante. Hai moi bos técnicos, bos actores e boas ideas, que desgraciadamente marchan, cada vez máis, a Barcelona ou Madrid en busca do seu sitio. Sempre que traballo con xente de fóra gaban a profesionalidade da xente galega e o compañeirismo que existe entre nós. Creo que debería subvencionarse máis a creatividade e a innovación, e non optar polo que se cre máis comercial e vendible. Os momentos de crise normalmente fan traballar máis a cabeza, así que creo que van saír moi bos proxectos destes momentos duros.

Galicia é referente en moda, tamén o é en Dirección de Vestiario?

Desgraciadamente neste eido vaise máis devagar. Aínda non existe unha industria nin centros de formación entorno ao deseño de vestiario, polo que todos somos un pouco autodidactas e superviventes. E desgraciadamente séguese recorrendo a xente de fóra para proxectos grandes. Pero hai grandes profesionais en Galicia, traballando cada día mellor e esperando que os bos proxectos cheguen aquí, e non teñamos que buscalos fóra.

Recentemente traballaches como Xefa de Vestiario en ‘Reliquias’, unha película para televisión ambientada nun mosteiro dúplice (con homes e mulleres) do século XII. Como foi esta experiencia? Como recreaches esta época a través do vestiario?

Foi un traballo de documentación moi interesante. A directora de arte e máis eu traballamos cun historiador e fomos recreando o mundo medieval pouco a pouco. Foi moi importante o traballo en equipo á hora de buscar cores, tecidos, texturas, complementos… Non existen rexistros gráficos das vestimentas nos mosteiros antes da reforma beneditina, co que puidemos deseñar dende cero a roupa dos monxes. Utilizamos influencias árabes tanto nas tocas das monxas coma nos hábitos dos monxes. Tinguimos cada traxe a man para que as cores fosen parecidas pero non iguais e ambientamos toda a roupa para que parecese sucia e vella. Traballamos durante unha semana no mesmo mosteiro de Carboeiro onde rodamos, acabamos mimetizadas co ambiente.


Veste recollendo o Mestre Mateo por este traballo o próximo ano?

O certo é que, no caso de estar nomeada, competiría con outras grandes películas de época, nas que se fixo un traballo incrible e con resultados excelentes. Así que con estar nomeada xunto con elas sentiríame máis que satisfeita.

Filmes de época ou actuais? Cal é o proxecto dos teus soños?

Unha película de época sempre parece máis creativa e o resultado final sempre é máis vistoso, pero as películas actuais son un reto interesante tamén. Un bo vestiario é aquel que non se nota, que non chama a atención, pero que envolve aos personaxes nun aura de realidade e cotidianidade. Creo que unha película do futuro pode ser moi interesante, xa que non estás cinguido a un rigor histórico ou a tendencias e modas, podes creala dende cero.

O cine ten unha importante influencia na moda, creando tendencias e incluso dando nome a prendas. De feito, o que coñecemos como ‘Rebeca’ débese ao filme de Alfred Hitchock que leva o mesmo nome e cuxa protagonista vestía chaquetas de punto. Podes citarnos algún exemplo actual da influencia de películas e series na moda da rúa?

En series, creo que ‘Sexo en Nova York’ foi a pioneira neste senso. Conseguiu que neoyorkinas e mulleres de todo o mundo imitaran os estilismos de Carrie e toleasen por camiñar nuns Manolos. Hoxe en día vemos o relevo en ‘Gossip Girl’, cun público máis novo, pero que enche as tendas buscando parecerse ás súas protagonistas. En películas, ‘Alicia no país das marabillas’ de Tim Burton creou unha volta á inocencia, ao naïf, á estética de pícnics e merenda de té con pastas que marcou o verán pasado. Pode que este verán sexamos todas un pouco carapuchiñas vermellas e lobos feroces…


 

En liña con isto, como deberiamos vestirnos se nos gusta…?

‘Mad Men’: Os anos cincuenta no seu extremo. Para a noite saias con moito volume, escotes corazón, peep toes, lunares, rebecas de manga francesa, bolsos baguette e medias con costura. Para o día pantalóns capri, bailarinas, camiseta mariñeiras de raias azuis, cadros vichy, panos estampados na cabeza e cestas de mimbre.

‘O Cisne Negro’: A estética de bailarina está moi presente este ano. Bailarinas nude, vestidos lenceiros en rosa palo, pelo recollido en moños altos medio desfeitos e para o fresco verán galego que mellor que unha chaqueta de punto cruzada e anudada ás costas coma unha auténtica ballerina.

‘O discurso do Rei’: Un aire vintage e máxico. Unha idea xenial para unha voda, vestidos curtos de pedrería en cores pastel, sandalias de baile de salón, un tocado ou diadema de plumas, xoiería de inspiración art decó e uns labios vermellos transportaranche aos tolos anos 20.

‘Cuéntame’: Os anos 60 e 70 parece que sempre volven ao noso armario. Este verán podemos combinar largos e vaporosos vestidos de flores, zocos de madeira con plataforma, colares longos de pedras e cristais, bolsos bandoleira de coiro e grandes pamelas de rafia. Que mellor look para os calorosos días de festival! Se somos máis atrevidas, uns shorts vaqueiros cunha blusa branca e bordada e unhas alpargatas de cuña poden ser o mellor para un día de praia.

* Se queres saber máis sobre o traballo de Mar Fraga podes ver aquí os seus sombreiros.

 

Fotos | Andrés Fraga, ‘Reliquias’ e Premios Mestre Mateo


Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *