‘Algo máis de cor’ para as habitacións dos hospitais

No Hospital todo nos resulta alleo, autoimposto, aprisionador… angustioso. O branco é como unha pausa nas nosas vidas… xusto nun momento no que quereríamos que todo fose máis rápido. E se é un momento traumático para un adulto, ¿canto máis o será para un neno? Pechado nun lugar que non lle pertence e afastado do mundo do que debería rodearse: a cor.

Esta reflexión levou á Asociación Cultural Sen Marco a pór en marcha co Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), e coa colaboración do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), a Fundación Andrea e a Escola Camilo José Cela o proxecto ‘Algo máis de cor: Terapia Habitación Hospital’.

A artista galega Mónica Alonso é a deseñadora desta terapia, que se desenvolverá de marzo a decembro de 2011 na área de lactantes do CHUS. Os pais e nais recibirán unha maqueta da habitación que poderán transformar no que se refire á cor, mobiliario… e deste xeito reinventar o seu espazo. Partindo da obra de Alonso, a través desta terapia buscarase subxectivamente a cor que “cure”, que faga aos participantes sentirse mellor e a apropiarse do baleiro e neutro espazo hospitalario.

A idea, segundo os promotores da iniciativa, é que a redución de escala do espazo da habitación permita a visualización da totalidade e o acceso mental. Así, unha vez transformada a maqueta, os participantes poderán interiorizar as reflexións e decisións, e ese espazo transformador pasará a ser considerado como o lugar da estadía no hospital.

Con todas as maquetas realizarase unha exposición no hospital e noutros espazos e un catálogo documental recollerá todo o proceso de investigación que conleva a proposta.

Foto | Facebook da Asociación Cultural Sen Marco

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *