Non é un xoguete, é un ukelele

Ukelele“It’s not a toy, it’s a ukulele!” é a máxima coa que se atopará calquera que decida caer na moda do pequeno instrumento hawaiano e compre un en Uke Surfer, tenda online por excelencia para os ukelelistas europeos. E é que o ukelele, co seu aspecto de guitarra para nenos, o seu son (case) sempre alegre, e a súa fama de ser o instrumento máis doado de tocar, ten certa tendencia a non ser tomado en serio. Tendencia, por suposto, non totalmente xusta, pero inevitable dadas as circunstancias.

Cales son esas circunstancias? O ukelele está de moda, o ukelele é o instrumento cool do momento, e o ukelele é (relativamente) fácil de tocar. O resultado é un boom de grupos indies con cancións en anuncios nos que o ukelele parece ser o novo elemento imprescindible en calquera formación de modernos que se prece de selo; ademais dunha pequena degradación do ukelele a instrumento de mentira. Como se de verdade fose un xoguete.

Pero tan só temos que fixarnos un pouco para decatarnos das posibilidades do instrumento. E nin sequera hai que chegar ata Jake Shimabukuro, virtuoso do instrumento, para escoitar mostras do ukelele tocado como un instrumento en si mesmo e non unha guitarra en miniatura. No mundo do pop hai tamén quen toma o instrumento en serio.

Empezando por George Harrison, que era fan e maestro do ukelele, ata chegar aos responsables do rexurdir actual no indie (Jens Lekman, Beirut, Dent May & His Magnificent Ukulele), os exemplos do pequeno instrumento hawaiano tocado con coñecemento e aproveitando o seu potencial son interminables.

Aínda que despois sexan os mesmos abanderados do instrumento os que en moitas ocasións lle resten importancia, como Jens Lekman, que admitiu hai uns anos que estaba farto de que a xente esperase del que saíse ao escenario cun ukelele, e que só o fixera ao principio da súa carreira porque era máis sinxelo viaxar con el que coa guitarra.

A favor de Jens hai que dicir que cando chegou o hype do ukelele el non volveu ao instrumento. Na súa contra, tan só podemos admitir que é unha mágoa. Jens era dos que sabían que o ukelele non é un xoguete.

Foto | GanMed64

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *