‘La casa de Bernarda Alba’, en clave xitana


‘La casa de Bernarda Alba’ é unha das obras de teatro máis emblemáticas de Federico García Lorca que narra a atmosfera opresiva dunha casa onde só viven mulleres, nunha aldea prototípica de España. Trátase dunha obra que todos coñecemos e que foi interpretada por miles e miles de compañías, pero o Centro Internacional de Investigación TNT, da man de Pepa Gamboa como directora, conseguiu darlle un ton único. Para proba, o tráiler que che deixo enriba.

E é que para realizar esta obra colaboraron con El Vacie, un asentamento chabolista de Sevilla (o máis antigo de Europa) de onde son orixinarias as actrices, mulleres de etnia xitana, marxinais e en moitos casos, analfabetas.

O resultado non é simplemente o dunha obra sen pretensións pero con bo corazón, lonxe diso, a representación acada unha forza e una visceralidade que a conecta como nunca coa alma orixinal da obra. Ben é certo, as protagonistas non son actrices profesionais e os diálogos tiveron que adaptarse para ser fáciles de aprender (así hai numerosas repeticións e búscase a musicalidade en todo momento). Sen embargo, aportan unha frescura e emoción que fan o visionado desta obra de teatro moi recomendable.

Este proxecto gañou numerosos premios, e aínda que se estreou hai xa dous anos, seguen de xira por España. O mes pasado estiveron en Vigo e agora están pola provincia de Huelva.

 

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *